O BNG agarda que o acordo do Parlamento acabe coa discriminación do Estado co Porto da Coruña

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón denuncia os bandazos das forzas estatais fronte a coherencia da posición do Bloque: O Estado debe financiar Punta Langosteira e os terreos do porto interior deben pasar á cidade

O BNG confía en que acordo adoptado polo Parlamento non quede en papel mollado e serva realmente para poñer punto final a discriminación do Estado co Porto da Coruña, rubricada no convenio de 2004 no que, fronte aos investimentos millonarios noutros portos, se establecía que no caso de Punta Langosteira o custe seria asumido coa venda dos terreos do porto interior, é dicir, con cargo a propiedades dos e das coruñesas.

Durante o debate parlamentario, a portavoz nacional, Ana Pontón, criticou os bandazos das forzas estatais e puxo en valor a coherencia da posición do Bloque a favor dos intereses da Coruña, “sen admitir discriminacións nin antes de Raxoi nin agora de Sánchez”.

Para que o acordo “teña solidez”, -argumentou-, as forzas de ámbito estatal “deben comprometerse a defender en Madrid ou mesmo que defenden aquí” e teñen na negociación das contas públicas a oportunidade de demostralo. “O señor Feixóo pode dicir que compromete o apoio dos e das deputadas do PP a cambio de que haxan investimentos e un trato xusto para o noso país en materia portuaria, ou é que se iso e consegue votarían en contra dos orzamentos? Estaría ben que o aclararan”.

“Estamos ante unha práctica vella dos partidos estatais que cambian a súa posición segundo estean no Goberno ou na oposición”, denunciou, “un pim-pam-pum partidista  con Galiza que é moi aburrido e moi negativo para o país”. Así, ironizou, sobre o cambio de postura dos populares.

“En 2004 Aznar e Fraga coa bendición de Feixóo e de (Francisco) Vázquez asinaban un convenio que era unha discriminación en toda regra, e mentres asinaban ese convenio vergoñento o Estado investía 700 millóns de euros en Xixón, 1.000 en Valencia, 1.300 en Barcelona e 2.000 Bilbao. En maio o PP votou en contra dunha iniciativa do BNG a favor do porto da Coruña para non molestar a Raxoi e agora descobren a discriminación.  O único que lles interesa son os votos e ser fieis ao seu partido en Madrid”, criticou Pontón.

Transferencia dos portos de interese xeral

Por contra, a dirixente do Bloque ratificou a coherencia da posición nacionalista en base a dúas demandas. Primeira, oEstado ten que asumir o 100% do financiamento de Punta Langosteira, -posto que se trata dunha obra estatal comprometida ademais tras a catástrofe do Prestige-. Segunda, os terreos do porto interior deben pasear ao seu lexítimo propietario, a cidade da Coruña, cando queden libres do seu uso actual.

Pontón criticou o oportunismo de Feixóo, “un presidente ausente que fai o panoli porque é incapaz de defender os intereses do noso país” e miraba para outro lado mentres Raxoi rescataba as radiais madrileñas pero aumentaba as peaxes na AP-9, ou mentres negociaba unha tarifa eléctrica para Euskadi pero Galiza soportaba o tarifazo da factura da luz.

A dirixente do BNG concluíu reclamando investimentos para os portos galegos e solicitando a transferencia dos portos de interese xeral a Galiza, a mellor maneira de acabar coa discriminación cunhas infraestruturas coas que Madrid fai caixa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG