parlamento galego

BNG advirte que a Xunta non pode pasar páxina coas residencias de maiores e anuncia unha ofensiva para mudar o modelo de xestión

Olalla Rodil e Iago Tabarés
Olalla Rodil e Iago Tabarés

Propón incrementar as inspeccións, fiscalización do Consello de Contas das residencias privadas e concertadas, publicar os datos desagregados e unha investigación para avaliar a súa xestión

Olalla Rodil denuncia falta de transparencia da Xunta no labor de control parlamentario e afirma que as irregularidades detectadas non chegan a ser unha pequena parte do total

Iago Tabarés cualifica de “insuficiente” a plantilla de inspectores para o control de 2.000 centros

A deputada do BNG, Olalla Rodil e o deputado, Iago Tabarés compareceron ante os medios de comunicación para presentar diversas actuacións ante a intención da Xunta de “pasar páxina” do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia.

O BNG anuncia “unha ofensiva” de iniciativas  para mudar o actual modelo  de residencias de maiores e camiñar cara un  “modelo público”.

Rodil afirmou que  Xunta está a obstruír o traballo de control parlamentario e explicou que as irregularidades detectadas e comprobadas polos deputados do BNG “a penas son unha pequena parte”, polo que o BNG solicitou máis  documentación para continuar consultando o acontecido durante a pandemia.

Dereito a unha vellez digna convertido nun negocio

Para a deputada, as dramáticas consecuencias dun modelo de residencias  privatizado como  en Galiza,  onde 8 de cada 10 prazas son privadas, converte “o dereito a unha vellez digna” nun negocio de empresas que poñen por diante de calquera outro aspecto o “incremento dos seus beneficios.

Ante esta situación, dixo a nacionalista,  rexistramos  unha batería de iniciativas parlamentarias para: incrementar as inspeccións dos centros, que o Consello de Contas fiscalice as residencias galegas privadas e concertadas e así o trasladamos nas propostas ao Plan de traballo para o 2021.

Por outra parte, reclamamos aumentar o número de inspectores na Consellaría de Política Social. Actualmente só hai 14 persoas nos servizos de inspección para todo o país e para todos os centros: residencias, centros de día, centros de menores, centros de persoas con discapacidade, escolas infantís, casas do maior, casas niño… “ un  número absolutamente insuficiente”, recalcou.

A creación dunha investigación por parte da Xunta sobre o acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia para avaliar a xestión pero tamén para garantir xustiza e reparación ás familias das persoas falecidas, “a publicación  inmediata dos datos da pandemia nas residencias de maiores desagregados por centros”, información que, afirmou Rodil, a  Xunta nega de maneira sistemática.

Ademais, engadiu, nos  casos de  vulneración de dereitos das persoas usuarias de residencias, por exemplo, no uso irregular de suxeicións mecánicas (sen consentimento informado, sen prescrición médica) deberán ser derivados  de oficio ao Ministerio Fiscal para a súa correspondente investigación.

Rodil indicou que todas estas medidas son presentadas agora porque, grazas a vacina non hai ningunha persoa contaxiada pola COVID19 nas residencias e “tememos que a Xunta tente pasar páxina” como si non acontecera nada.

No BNG temos claro que non é o momento de pasar ningunha páxina senón todo o contrario, esixir social e politicamente, con máis contundencia se cabe, un cambio no modelo de residencias e de atención aos nosos maiores.

Tabarés denuncia  insuficiencia de inspectores para o control dos centros

Pola súa parte, o deputado Iago Tabarés denunciou os obstáculos da Xunta á hora de facilitar o traballo dos parlamentarios para acceder á información das residencias de maiores, esa información, dixo “é denegada ou remitida de maneira parcial”.

Tabarés aludiu ao avanzado proceso de vacinación nas residencias e mitigadas as restricións, dende o BNG consideramos que é o momento de analizar o pasado do ocorrido nestas residencias e abordar o seu futuro.

Tras a información recadaba podemos afirmar que “non existe unha inspección e control real” nin periodicidade fixada para que o servizo de inspección visite as residencias. Mesmo, nos casos nos que se aprecian “importantes deficiencias” tampouco se rende unha visita posterior para comprobalos. O deputado cualificou de “insuficiente o cadro de persoal” con 14 inspectores para 2.000 centros ao que sumou falta de medios e en moitos casos aínda sen vacinar.

Ante os incumprimentos, engadiu Tabarés, tampouco se abren procedementos  sancionadores. Temos constancia de suxeicións non consentidas que deben ser coñecidas pola Fiscalía e non se esta a facer  nin se están a cumprir as ratios de persoal de atención directa, outro incumprimento contractual así como irregularidades nas alimentacións prescritas “con alimentos caducados hai meses”.

No momento no que estamos e ante o alivio de restricións urxe analizar con profundidade a situación das residencias de maiores e analizar si os procedementos sancionadores son os adecuados e os mecanismo de control son efectivos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG