O BNG advirte que a Lei de Portos renuncia a ganar competencia e privatiza un sector estratéxico

MONTSE PRADO PLENO
Montse Prado

Montse Prado: “Nun país normal e nun Parlamento normal estariamos falando da vaga de lumes, como así o pide o pobo, nuha situación de excepción”

A formación nacionalista vota en contra do texto porque “non responde nin ás expectativas do sector nin ás necesidades de Galiza”

“Nun país normal e nun Parlamento normal estariamos falando da vaga de lumes ante a situación de excepción e cun pobo que pide que este Parlamento se faga eco do que está pasando aí fora, pero a maioría absoluta serve para vetar ese debate”.

Con esta denuncia arrancaba a portavoz de Pesca, Montse Prado, a súa intervención no debate sobre o proxecto de lei de portos, trasladando a protesta do BNG polo veto do PP a reconverter o pleno nun debate de fondo sobre a política forestal, ao tempo que advertía das consecuencias dos incendios para ás rías, o medio mariño e para o sector pesqueiro polo previsible arrastre das cinzas, “cuestión que tamén deberíamos estar a debater para establecer as medidas urxentes”, indicou.

Prado trasladou o total apoio ás familias das vítimas e o recoñecemento a todas as persoas que traballan con tesón e pouco medios na loita contra os lumes, incluíndo a poboación galega auto organizada para combater as lapas.

En relación á proxecto de Lei de portos, o BNG presentou unha emenda de devolución a un texto que cualificou de “decepciónante, que non responde nin ás expectativas nin ás necesidades” do sector. Por contra, abre a porta á privatización dunhas infraestruturas estratéxicas para Galiza e carece de ambición política pois renuncia a reclamar a transferencia dos portos de interese xeral.

“Privatización ao servizo do beneficio empresarial, esa é a súa prioridade facendo  seguidismo da lei de portos do Estado”, criticou Prado, “pero nada de coordinación dos portos, nada de pensar nun servizo público, de feito o conflito entre os portos de Vigo e Marín responde a esta competitividade, todos os portos tentando captar de todo competindo entre si, sen coordinación nin complementariedade algunha”.

Dentro desa aposta privatizadora, a ampliación de 30 a 50 anos da duración das concesións, ao que se suma “que a Xunta amosa cero ambición para decidir sobre as competencias portuarias do país e non fai nada para reclamar a competencia dos portos de interese xeral, como teñen outros territorios, unha oportunidade perdida para deseñar unha política portuaria á medida dos intereses de Galiza”, alegou a deputada.

Prado indicou que os portos de intereses xeral como  Vigo, Marín, Vilagarcía ou San Cibrao, obteñen cuantiosos beneficios que só repercuten no Estado. “Ao PP non lle importa para nada poder xestionar eses inxentes recursos, incluso subordina a permisos ou informes previos cuestións que serían de competencia exclusiva de Galiza”, denunciou.

Illas urbanísticas

O Bloque tamén fixo fincapé en que o proxecto de lei do Goberno concede aos portos categoría de “illas urbanísticas dentro dos concellos”, obviando a normativa xeral, permitindo instalacións hoteleiras, obviando aos concellos ante ampliacións ou recheos do porto. “Supón unha invasión das competencias urbanísticas dos concellos que quedan fora de calquera tipo de actuación sobre o porto”, advertiu.

A deputada nacionalista chamou a atención sobre o feito de que o texto normativo “dálle moita máis importancia á actividade náutica deportiva que á actividade portuaria de pesca”, moi significativo do enfoque “liberalizador” do PP, ademais de ser “un cheque en branco para a Xunta que desenvolverá a lei vía decretazo e desde o ninguneo aos concellos, sen planificación integral, sen mecanismos de coordinación entre administracións, sen plan estratéxico con obxectivos a acadar”.

Para a deputada, a lei do PP converte aos portos “en illas para facer caixa cada vez menos vinculados ao mar”, por iso o BNG pide a devolución do texto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG