Congreso

BNG advirte que os investimentos na Galiza deben incrementarse ou non apoiará os orzamentos

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego destacou que o BNG traballará nas próximas semanas para que os investimentos previstos nos orzamentos de 2021 superen os 1.000 millóns de euros e incorporen actuacións moi necesarias, especialmente, na modernización das redes ferroviarias interiores do noso País.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, fixo unha valoración do proxecto de Orzamentos Xerais do Estadoción á Galiza en que cualificou de insuficiente o investimento territorializado no nos País. A formación nacionalista destacou de que “ten as mans libres” á hora de votar nestes orzamentos pois o seu único compromiso é coa defensa dos intereses dos galegos e galegas e advirte que non apoiará estes orzamentos se non se ven incrementados de maneira significativa.

O BNG considera un feito histórico que as portaxes da AP-9, unhas das máis caras de todo Estado debido a actuacións dos gobernos quer do Partido Popular quer do PSOE, en vez de seguir subindo, vaia baixar por primeira vez en 40 anos, especialmente pola bonificación para os usuarios e usuarias recorrentes. É dicir, invértese a tendencia de subida para unha tendencia de baixada grazas á posición firme do BNG no acordo de investidura. Rego destacou que a formación nacionalista seguirá a traballar para lograr que o obxectivo do BNG e o de moitos galegos e galegas se cumpra, que é o dunha AP-9 galega e sen peaxes.

Néstor Rego salientou que hai outros aspectos do acordo de investidura que figuran plasmados nestes orzamentos entre os que destacan a dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo, as partidas para completar as actuacións no eixo atlántico ferroviario de Vigo á fronteira portuguesa, a mellora para electrificar a liña entre Ourense-Lugo, iniciar o proxecto do corredor atlántico de mercadorías ou completar a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol. O deputado nacionalista subliñou que nese acordo de investidura, no que ten que ver con infraestruturas, “o BNG fixo fincapé na necesidade de actuar, modernizar e ampliar as estruturas ferroviarias do noso País porque hai un déficit histórico que é inaceptábel”.

Con todo, o BNG considera que os investimentos territorializados na Galiza son claramente insuficientes e prexudiciais para os intereses do noso País. Rego adiantou que a frente nacionalista non vai apoiar estes orzamentos se non son modificados á alza de forma significativa. “Non podemos aceptar que se siga discriminando o noso país” sinalou. A formación nacionalista ve necesario uns orzamentos que cumpran con Galiza e que compensen o déficit histórico que levamos padecendo durante moitos anos, especialmente, durante os últimos anos do Partido Popular.

Estes 832 millóns de euros supoñen unha pequena suba en comparación co proxecto frustrado de orzamentos de 2019 mais unha baixada de 11% en relación cos de 2018 do Partido Popular, que “xa eran cativos”. “Nesa medida -sinalou Rego- temos claro que o que cómpre e o que vai facer o BNG é defender os intereses da Galiza, tamén no investimento necesario deste ano 2021”. Por esta razón o BNG reclamará que haxa un incremento significativo para que pase dos 1.000 millóns de euros e presentará emendas nese sentido.

O deputado nacionalista enfatizou que non é de recibo o argumento -empregando tanto por PP como por PSOE e Podemos en diferentes momentos- de que a caída está en relación coa finalización das obras do AVE, porque sen saír do ámbito dos camiños de ferro as necesidades do noso País son palmarias. “A Galiza ten necesidades máis perentorias que chegar nunha hora menos a Madrid pois é claro que para moitos galegos e galegas é ben máis importante poderse mover dentro do seu territorio, dentro da súa área metropolitana, en servizos ferroviarios de calidade”, sinalou Rego.

Neste sentido, o deputado nacionalista tamén salientou que hai actuacións do acordo de investidura que non figuran nestes orzamentos, o que considera inxustificábel. Entre elas destacou a conexión ferroviaria do orto exterior da Coruña, a mellora da liñas A Coruña- Ferrol (cunha partida mínima) e A Coruña-Lugo ou a modernización da liña de FEVE, que articula todo o norte do noso País, “cando si existe unha partida para Asturias”.

Néstor Rego advertiu que a formación nacionalista posicionarase nestes orzamentos en función de se son positivos ou non para a Galiza e lembrou que corresponde ao Goberno español do PSOE e Podemos cumprir o acordado “que non é un compromiso co BNG, senón coa Galiza, con todos os galegos e galegas”. Rego sinalou que o BNG traballará nas próximas semanas para que os Orzamentos superen os 1.000 millóns de euros e incorporen todas as actuacións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG