parlamento galego

BNG advirte dun aumento das esperas na Atención Primaria no verán se a Xunta non soluciona a situación do persoal

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado denuncia a ausencia de substitucións e o peche de centros de saúde e urxe a cobertura de vacantes e a mellora das condicións laborais

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advertiu no Parlamento galego de que a situación límite na que se atopa a Atención Primaria “vaise agudizar durante o verán” ante a non substitución do persoal sanitario e o peche de centros de saúde, entre os que non volveron abrir dende a pandemia e os que pecharán pola tarde. “Isto vai ter como consecuencia o esgotamento das e dos profesionais e un aumento das esperas, que en moitos casos xa superan as dúas semanas, coa conseguinte desatención da poboación”, alertou.

Prado recriminou ao Goberno do PP que nos datos que facilita sobre as prazas sanitarias non inclúa “cantas quedan vacantes e cantas sen cubrir” e, neste sentido, explicou que, por exemplo, o 40% do persoal de enfermería é eventual, situación na que moitas e moitos dos profesionais desta especialidade levan máis dunha década.

Así mesmo, recordou que as estimacións actuais apuntan que arredor do 30% das e dos profesionais da sanidade galega está en suspensión de chamada nas listas de contratacións e afeou ao Executivo galego que menos da metade dos MIR de Medicina Familiar e Comunitaria se incorporen á Atención Primaria.

Para a deputada nacionalista, a pandemia deixou en evidencia os rateos insuficientes de profesionais e criticou que a alternativa do PP ante a falta de persoal sexa “manter a precariedade na contratación” ou as “intersubstitucións, que significan que unha ou un profesional faga o traballo de 2,3,4 ou os que cadren”.

A esta situación, engadiu a non reapertura de consultorios por todo o país ou a previsión de pechar centros de saúde polas tardes. “É escandaloso que en concellos con aumento de poboación por afluencia de visitantes como Sanxenxo, Cambados ou A Guarda, xa non é que non se reforcen, que sería o normal, senón que reducen os seus cadros drasticamente”, exemplificou.

Así mesmo, reprobou que a Xunta se escude continuamente en que non hai médicos e médicas para contratar, cando o que non di “é que é resultado da súa política de contratación precaria ou da súa falta de planificación” e preguntou por cal é “escusa” no caso de matronas, fisioterapeutas, PSXs ou celadores, perfís nos que si hai suficientes profesionais nas listas de contratación e que, aínda que tamén faltan, sen embargo tampouco se contratan.

Ante esta situación e o risco de empeoramento na Atención Primaria, Prado reclamou a posta en marcha inmediata dun sistema de identificación de prazas no Sergas que permita ter unha información clara de cal é a situación actual e real do seu cadro de persoal; que a Xunta oferte contratos dignos para evitar que sigan marchando profesionais da sanidade pública galega; que realice os contratos pola causalidade que os orixina e por todo o tempo da mesma e que proceda xa á equiparación do complemento específico e de atención continuada das e dos profesionais sanitarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG