BNG advirte do impacto dos eólicos previstos en Ferrol que poñen en risco a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández alerta sobre un posible caso de fragmentación fraudulenta de proxectos nos dous parques previstos coa denominación Brión e Ferrol  

O BNG advertiu no Parlamento galego do negativo impacto que terían sobre Ferrol os proxectos eólicos denominados Brión e Ferrol recollidos no Rexistro Eólico de Galiza que, ademais de poder estar incorrendo nun novo caso de división fraudulenta de proxectos, poñerían en risco a candidatura da cidade -do seu denominado Porto da Ilustración, centrado no conxunto arsenal e castelos da ría- a Patrimonio da Humanidade.

Segundo alertou o deputado nacionalista Mon Fernández nunha pregunta na comisión parlamentaria de Industria, “resulta máis que evidente a inadecuada situación dos parques, sobre todo tendo en conta a dimensión e altura dos muíños que, como indica a documentación da que dispoñemos, estaría entre os 200 e os 250 metros”, localizados en zonas con diferentes graos de protección, entre as que destaca o LIC Costa Ártabra.

Logo de recalcar a concentración de patrimonio arqueolóxico, nomeadamente na zona de Brión, Fernández alerta sobre o “brutal” impacto visual, por exemplo, desde a liña das praias de Doniños, San Xurxo, Santa Comba e Ponzos, mais tamén desde o propio núcleo urbano de Ferrol e mesmo desde o concello de Mugardos.

Un impacto que, segundo afirmou, tería serias consecuencias sobre a candidatura impulsada no seu día pola Real Academia de Belas Artes de Galiza, co apoio de toda a corporación municipal presidida naquel momento por Xaime Bello, o Parlamento galego, da presidencia da Xunta e dunha innumerable lista de organismos e entidades.

“Unha candidatura que por veces gaña notoriedade e impulso, como parece que está a acontecer actualmente e que, segundo algúns expertos sería, de todas as propostas galegas, a que máis posibilidades ten de conseguir a consideración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, mais que a todas luces sería totalmente incompatible co impacto que produciría a instalación deses parques”, advertiu.

Neste sentido, recordou que un dos motivos polos que fracasou a candidatura da Ribeira Sacra foi precisamente polo impacto, neste caso, das centrais hidráulicas naquel contorno. “O conxunto patrimonial que inclúe todas as construcións do denominado Porto da Ilustración, nun entorno espectacular como o actual da nosa ría, costa e praias, son a nosa catedral; ninguén entendería unha agresión semellante como a que significan estes parques”, incidiu.

Así mesmo, o deputado do BNG por Ferrolterra tamén subliñou que o feito de que ámbolos dous proxectos eólicos son da mesma empresa, se atopan nunha proximidade extrema -até o punto de solaparse fisicamente no territorio as dúas poligonais dos parques- e comparten punto de evacuación fai pensar “que esteamos de feito ante unha división fraudulenta dos proxectos”.

Nesta liña, lembrou que esta práctica xa se ten producido noutros proxectos para a instalación de distintos parques eólicos e ten orixinado resolucións xudiciais en contra por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), como o das Sasdónigas, en Mondoñedo, polo que reclamou á Xunta unha aclaración neste sentido.

Por último, o portavoz nacionalista de Industria tamén pediu explicacións ao Goberno galego polo proxecto dun terceiro parque, denominado Monteventoso, situado nos montes da Lagoa, entre os concellos de Ferrol e Narón, un proxecto que no seu día figuraba no Rexistro Eólico e que, dende algún tempo, deixou de figurar, non se sabe se pola desestimación da propia empresa ou por algún erro, pero o proxecto segue adiante.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG