BNG advirte da “situación crítica” do marisqueo a pé na enseada de San Simón de Vigo e urxe á Xunta a tomar medidas

Alexandra Fernández.
Alexandra Fernández.
Alexandra Fernández propón un estudo de investigación e un Plan de actuación específico para mellorar a produtividade e a calidade ambiental

A deputada nacionalista Alexandra Fernández advertiu no Parlamento galego da “situación crítica” do sector do marisqueo a pé na enseada de San Simón, na ría de Vigo, e urxiu á Xunta a tomar medidas inmediatas que permita reverter unha situación que cualificou de “límite”.

Na defensa dunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Pesca, Fernández alertou do “grave problema” que hai coa produción marisqueira no fondo da ría e que afecta ás confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa. Así, recordou que no período 2009-2019 (último ano válido para observar a serie histórica xa que os anos 2020 3 2021 foron pandémicos), os descensos porcentuais nas descargas por especie situáronse en caídas do 68,23% no caso da ameixa babosa; do 76,32% no da ameixa fina; do 28,54% na ameixa xaponesa; do 39,66% no longueirón vello e mesmo do 99,99% no berberecho.

Ante a evidencia das cifras, que segundo recalcou mostran un “rechamante e preocupante” descenso da produción no conxunto de moluscos, a deputada nacionalista apelou á “mensaxe de alerta e de auxilio ante unha situación límite” que están lanzando as mariscadoras das distintas confrarías do fondo da ría de Vigo para reclamar ao Goberno galego que actúe.

“A situación crítica no sector do marisqueo a pé precisa de solucións inmediatas; se non hai un apoio inmediato por parte da Xunta, que se preocupe de investigar e dar ferramentas para reverter a situación, a tendencia actual vai ser a de continuar cun descenso drástico da produción”, afirmou, para urxir a continuación ao Executivo galego a avaliar as causas que, segundo apuntou, pasan por distintos factores.

Así, sinalou a aspectos ambientais diversos e, neste sentido, advertiu das verteduras continuas na ría -que exemplificou en empresas como AUCOSA  e da que dixo “leva anos de impunidade co beneplácito do PP”- e a falta de protección e control ambiental por parte do Executivo galego sobre unha zona declarada ademais Rede Natura 2000. De igual xeito, apuntou tamén ao impacto de depuradoras e á instalación de peiraos e escolleras que, como no caso do peirao do porto de Cesantes, afectan e modifican as correntes mariñas.

Unha multifactoriedade do problema que, segundo asegurou, fai complexo que as propias mariscadoras por si soas logren atopar unha solución, polo que instou ao Goberno do PP a asumir as súas responsabilidades e propuxo unha actuación articulada sobre tres eixos de actuación: diagnose, propostas e compromisos.

No primeiro dos eixos, defendeu a elaboración dun estudo pormenorizado que investigue e determine as causas desta baixada na produtividade no que a Xunta coordine a participación dun grupo multidisciplinar de expertos e expertas e da universidade pública.

En segundo lugar, propuxo o deseño e implementación dun Plan de actuación para mellorar a produtividade e a calidade ambiental da enseada de San Simón, definindo obxectivos, medidas e técnicas concretas que se deben adoptar por parte dos distintos axentes para reverter a situación. E, por último, avogou por impulsar con recursos públicos os programas, medidas e asesoramento ás confrarías que permitan desenvolver e dar cumprimento ao plan de actuación. Malia os argumentos e propostas concretas defendidas por Fernández, a iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG