Parlamento Galego

O BNG advirte da repercusión da pandemia na saúde mental da poboación e propón destinar 21 millóns nos orzamentos de 2021

Rosa Cerqueiro (MGSM) e Ana Pontón
Rosa Cerqueiro (MGSM) e Ana Pontón
Ana Pontón: “A COVID supuxo perdas persoais, económicas e sociais e trouxo ansiedade, angustia, depresión e medo ao futuro que repercute na saúde”

A falta de medios económicos, materiais e humanos da atención á saúde mental da poboación ten un déficit endémico no sistema público que afecta directamente ao coidado das persoas que sofren este tipo de doenzas. A pandemia está a agravar a situación e deixa en evidencia que se antes da COVID os servizos de saúde mental eran raquíticos, agora son absolutamente insuficientes para atender as secuelas que deixa o virus tamén neste ámbito.

“A pandemia trouxo illamento social, confinamento, afectación emocional pola perda de seres queridos, incerteza, angustia, ansiedade, depresión, medo ante o futuro”, salientou o a portavoz nacional, Ana Pontón, “urxen recursos e medios para atender as necesidades de atención psicolóxica e psiquiátrica dunha cidadanía sometida ao estrés de perdas emocionais de seres queridos, de perdas económicas e laborais e de perdas sociais. De feito hai expertos que advirten que a próxima onda da COVID será mental polo seu impacto na saúde mental das persoas”.

Neste contexto, o BNG propón incrementar nos orzamentos de 2021 os recursos destinados a sufragar o anunciado Plan de saúde mental pos COVID 19, pasando dos 1,3 millóns de euros previstos no proxecto remitido ao Parlamento pola Xunta a 21 millóns de euros, polo que presentará unha emenda nese sentido.

“O investimento anunciado por Feixóo para o plan foi de 83 millóns de euros en catro anos, pero só se inclúe 1,31 millóns de euros en 2021, -apenas 300.000 € máis do que recollen as contas do presente exercicio-, e iso en pleno impacto da pandemia na saúde mental da poboación. A este ritmo, o plan non sería a catro anos, senón a oitenta, cando o que se precisa é unha intervención pública rápida e urxente para garantir este tipo de atención sanitaria”, explicou a líder nacionalista.

Igualmente, propón dotar con psicolog@s clínicos os centros de saúde, e unidades hospitalarias especialidades para a infancia e a mocidade, tendo en conta o preocupante aumento deste tipo de doenzas nestes tramos de idade, explicou Pontón, tras o encontro mantido cos representantes do Movemento Galego da Saúde Mental.

A formación nacionalista tamén insta ao Goberno á realización dun estudo para determinar os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental da poboación. “Hai que saber o alcance do problema, porque detrás das cifras hai persoas, familias que sofren e debemos ter unha radiografía o máis precisa posible da situación para actuar con eficacia”, explica.

Os datos indican que hai que actuar con urxencia para que a saúde mental deixe de ser a gran esquecida dentro do sistema sanitario público: en España hai 6 psicólog@s clínicos por cada 100.000 habitantes, en Galiza 3,5; mentres que a media na Unión Europea é de 18 e de 26 nos países da OCDE. Por contra, Galiza lidera o consumo de psicofármacos en España.

Os antidepresivos foron en 2017, é dicir, nun contexto sen COVID, o segundo medicamento de maior crecemento en Galiza, e arredor de 400.000 galegos e galegas tomaban tranquilizantes e pílulas para durmir. A diferencia do que pasou no conxunto do Estado, en Galiza aumentaron os problemas de saúde mental na infancia, moi asociados á pobreza e ás desigualdades económicas.

En 2019, último dato anual computado, en Galiza había 8.411 persoas en lista de espera para o servizo de psiquiatría, unha cifra que se duplicou en apenas cinco anos e Galiza ten a día de hoxe apenas un millar de especialistas nesta doenza, moi por debaixo dos 1.500 que se consideraban necesarios nun informe elaborado pola Consellería de Sanidade fai máis de dúas décadas. “Hai que sacar a saúde mental da marxinalidade en termos de recursos económicos, humanos e materiais”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG