O BNG advirte da “improvisación da Xunta na xestión pública educativa” e reclama que resolva a fenda dixital

O deputado Manuel Lourenzo solicitoulle unha comparecencia ao conselleiro de Educación para explicar o caos existente no inicio de curso

O deputado Manuel Lourenzo Sobral cuestionou os niveis “de autocompracencia e de desconexión coa realidade do sistema educativo” demostrada na comparecencia do conselleiro de Educación, a petición do BNG, para dar explicacións sobre o caos existente ao inicio do curso. Salientou tamén o “exemplo de dignidade e de responsabilidade da comunidade educativa para enfrontar a covid19”.

Deste xeito, Manuel Lourenzo ofreceu datos para contrastar a intervención do conselleiro “coa realidade que traslada a comunidade educativa en cada recuncho do país” no relativo á contratación de profesorado “cando hai 543 docentes a media xornada que non son computábeis ao fondo covid19 e non son reforzo da pandemia”, explicou. Ademais dos 241 docentes de infantil e primaria que son, en realidade, para cumprir ratios de alumnado e profesorado “que nalgúns casos foron duplicadas”. “Vostedes saben que cos fondos da covid se poderían contratar 2.325 ensinantes e formalizaron menos da metade”, afirmou.

Ademais, o deputado do BNG puxo sobre a mesa propostas concretas que traslada a comunidade educativa para garantir o acceso ao ensino presencial menos no bacharelato, para deixar de discriminar alumnado de infantil e primaria, como o do CEIP Barcelos que dobrou a súa ratio para nenos e nenas de tres anos en plena pandemia, segundo puxo como exemplo, e para dar conta da disposición do crédito actual para implementar medidas en defensa da educación pública. “O acontecido coas ratios e distancias quedará nos anais dos bandazos e da improvisación na xestión pública educativa”, advertiu Manuel Lourenzo.

Problemas coa fenda dixital, limpeza e conciliación

“A semipresencialidade foi unha imposición de última hora ruín e inxusta coma poucas”, sinalou. Neste sentido, reclamou que o conselleiro se comprometa a resolver os problemas derivados da fenda dixital, a estabelecer un protocolo claro para garantir a equidade no ensino a distancia nos centros e a garantir a limpeza e a desinfección dos centros, que mesmo supuxeron as dimisións de equipos directivos. Demandou tamén que se comprometa a cumprir os informes da FEGAMP e da Deputación da Coruña para asumir a Xunta as súas competencias en materia de limpeza dos centros de ensino, sen descargalas nos concellos e noutras administracións.

Ademais, fixo referencia ao voluntariado das ANPA en asumir labores de conciliación que lle corresponden á Xunta e á existencia de alumnado que fica sen dereito estes servizos, o que supón unha discriminación para as familias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG