Parlamento Galego

O BNG acusa á Xunta de non sancionar as eléctricas logo dos continuos cortes de subministro en Ourense e A Coruña

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas pide o expediente informativo ás empresas eléctricas anunciado pola Xunta de Galiza e que o INEGA actúe ante os “intermitentes cortes de luz de 1 a 4 horas en Fisterra”

A través dunha pregunta ao goberno, a parlamentaria do BNG, Noa Presas levou ao Parlamento as consecuencias dos temporais en Ourense e Fisterra  e denunciou os continuos problemas co subministro eléctrico sen que “o goberno reaccione e impoña algún tipo de sanción á compañía eléctrica Naturgy”.

Por outra parte, tamén preguntou polo “expediente informativo ás empresas eléctricas anunciado pola Xunta de Galiza que non foi remitido ao Parlamento a pesar de ser solicitado polo grupo do BNG.

Ao longo desta lexislatura, dixo a deputada, non é a primeira vez que traemos as consecuencias dos temporais e todos os anos podemos ver nos xornais como veciños e veciñas do noso país quedaron sen subministro de enerxía eléctrica até 24 e 48 horas pero “nunca muda nada”. Presas lembrou  que os día 19,20,21 e 22 produciuse unha concatenación de temporais que non  revestían grandes consecuencias pero a súa repetición provocou graves problemas en infraestruturas, enchentes, danos en domicilios e bens particulares e en sectores produtivos como na Limia.

A deputada destacou que diferentes comarcas de Ourense e A Coruña víronse afectadas polos cortes de subministro eléctrico que sobrepasaron as 24 horas en Fisterra, Malpica, Ourense cidade, Celanova, o Carballiño, Leiro, San Amaro e O Irixo.

Esta situación, explicou, foi recollida en varios medios de comunicación e algúns particulares xa presentaron denuncia ante a Valedora do Pobo. Un xornal, subliñou  que un carballiñés reclama indemnizacións a Naturgy porque:  "Houbo moita xente sen luz máis de 48 horas".

Cada ano atopámonos coa mesma situación, en marzo do 2018 e de maneira especial os primeiros días de febreiro de 2017 producíronse en Galiza unha serie de temporais sucesivos e excepcionais que tiveron como consecuencia cortes de subministración por máis de 24 e 72 horas. Naquela ocasión, explicou a nacionalista, tamén formulamos diversas preguntas e a Xunta respondeu co anuncio  “dun expediente informativo ás empresas eléctricas do que nunca remitiu información, malia ser solicitada por este  grupo parlamentario”.

Nesta liña, preguntou ao director xeral de Enerxía, Bernardo Tahoces se “realmente existe o expedinte informativo” ou se foi para “capear o temporal político porque en realidade, “o goberno nunca tivo intención de sancionar nin molestar ás eléctricas”

Noa presas insistiu na necesidade de medidas que resolvan as “deficiencias da infraestrutura da rede eléctrica, os labores básicos e continuados de mantemento das liñas eléctricas e  o operativo das empresas distribuidoras e subministradoras finais de enerxía eléctrica”.

Por outra banda, denunciou que nesta ocasión  “nin sequera a atención ao cliente do principal operador, Naturgy, tiña lugar desde Galiza pola deslocalización da atención telefónica o que agravou a situación”.

“Que medidas correctoras exixiu ou vai exixir o goberno galego ás empresas subministradoras de electricidade e que  axudas á particulares e empresas polas consecuencias do temporal”. A deputada pediu que a Xunta realice as  “inspeccións das zonas afectadas”.

Finalmente propuxo ao director xeral de Enerxía que o Instituto Enerxético de Galicia, (INEGA) actúe con medidas urxentes contra os cortes intermitentes de 1 a 4 horas en Fisterra. “Estes cortes de subministro supoñen máis de 20 horas ao mes para comercios e hostalería”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG