Parlamento Europeo

BNG acusa a Xunta e goberno central de “deixar tirado ao sector pesqueiro galego” nas negociacións do Brexit

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda anuncia a introdución dunha iniciativa na Eurocámara para reclamar compensacións

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada do Parlamento de Galiza Rosana Pérez acusan aos gobernos galego, estatal e á Unión Europea de “deixar tirado ao sector pesqueiro” ao non defender os seus intereses nas negociacións sobre o Brexit, xa que co acordo acadado os dereitos de pesca da UE se reducirán nun 25% até xullo de 2026, cando remata o período de transición este 31 de decembro. “Desde 2018 vimos alertando das consecuencias para Galiza da saída do Reino Unido da UE cun acordo que deixa a pesca no último lugar e lamentablemente estanse cumprindo os peores presaxios”, denuncia Miranda.

Ana Miranda critica o desleixo das administracións estatal e galega nas negociacións da UE o Reino Unido sobre o Brexit e destaca que o acordo aínda ten que ser ratificado no Parlamento Europeo, polo que anuncia que o BNG introducirá unha iniciativa a través do grupo do que forma parte na Eurocámara, na que se reclamarán compensacións e melloras nas condicións de acceso aos caladoiros. “A falta de acceso a un parte do caladoiro terá un forte impacto comercial e económico no noso sector pesqueiro”, sinala Ana Miranda, quen lembra que son miles de familias galegas que dependen do sector e que levan meses vivindo con incerteza o resultado das negociacións.

Comparecencia da conselleira

Pola súa banda, Rosana Pérez pide a comparecencia urxente da conselleira do Mar, co obxectivo de que explique o contido das negociacións mantidas en defensa do sector pesqueiro durante estes meses. “Dados os resultados, queremos saber que se fixo e que non se fixo desde o goberno galego e por que a pesca galega volve ser unha moeda de cambio”, sinala, ao tempo que critica que non se teñan en conta os intereses de Galiza e un dos seus principais sectores económicos.

Xa desde 2018 o BNG no Parlamento Europeo presentou diversas iniciativas, tanto preguntas para a súa resposta escrita como intervencións plenarias ao Comisario Barnier, demandando información sobre as consecuencias do Brexit para os sectores económicos como o pesqueiro e o téxtil. Igualmente, Miranda alertou en diversas ocasións das consecuencias que tería para Galiza un Brexit de non defender o sector pesqueiro como estratéxico, así como sobre as incertezas da cidadanía galega residente en Reino Unido.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG