BNG acusa á Xunta dun novo “anuncio pantasma” coa reforma das instalacións do Conservatorio de Música de Vigo

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández lémbralle que xa incumpriu una promesa similar en 2019 e recrimínalle ao PP que, logo do anuncio, vote en contra da iniciativa nacionalista no Parlamento para rehabilitar as instalacións

A deputada nacionalista, Alexandra Fernández, recriminoulle ao PP no Parlamento galego o seu voto en contra á iniciativa do BNG para reformar as instalacións do Conservatorio Superior de Música de Vigo, logo de que a Xunta anunciara onte que vai acometer as obras precisas para solucionar o “lamentable estado” no que se atopan as instalacións do centro.

“Despois de comprobar a posición que mantén o PP e a súa negativa a esta proposición non de lei, quédanos clarísimo que estamos outra vez ante un novo anuncio fantasma da Xunta”, criticou Fernández, logo de recalcar que “é incomprensible que se vostedes están realmente posicionados en favor da reforma do conservatorio voten hoxe en contra desta iniciativa”.   

Neste sentido, lembrou na Comisión parlamentaria de Educación e Cultura que xa en 2019 Corina Porro anunciara que se ía incorporar esta actuación aos presupostos galegos de 2020 e “non se fixo absolutamente nada”. “Cal foi a partida nos orzamentos de 2020 que se executou para esta reforma? Ningunha”, reprochou, para a continuación deducir que “vostedes o que fan é dilatar os prazos, marear a perdiz”.

De igual xeito, afeou ao Executivo galego que o caso do conservatorio vigués pase a formar parte do “misterioso grupo de casos” onde existe un problema que se arrastra dende hai anos e, “xusto o día anterior de que veña a debate neste Parlamento”, aparece un “comunicado milagroso” do Goberno de Feixóo cunha solución. “Resulta máis que evidente que a comunicación da Xunta aparece porque hoxe estamos tendo este debate nesta comisión”, subliñou.

Segundo explicou, precisamente por esta razón o BNG mantivo a súa iniciativa dado que “xa temos precedentes de anuncios anteriores que non se cumpriron e ten que haber un compromiso firme aquí por parte do grupo que sustenta ao goberno”, ao que tamén engadiu que a proposta nacionalista recolle unha solución moito máis ampla do comunicado pola Xunta, coa adecuación non só das instalacións do conservatorio senón tamén de bens mobles e equipos de traballo para alumnado e profesorado.   

“Así que, por favor, compromisos serios”, reclamou a deputada por Vigo, para concluír que o voto en contra do PP evidencia realmente unha falta de compromiso real e firme coa reforma do Conservatorio de Música de Vigo. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG