parlamento galego

BNG acusa á Xunta de dinamitar a Atención Primaria no canto de reforzala con 12 anos de recortes orzamentarios

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado advirte de que, en plena pandemia, o presuposto deste ano é de 45 millóns menos que en 2009 e incorpora só 85 profesionais máis

Propón un Plan de Mellora con dotación de profesionais axeitada que garanta a asistencia presencial e non obrigue á cidadanía a acudir á privada       

BNG recriminou á Xunta no pleno do Parlamento galego que estea a dinamitar a Atención Primaria e continúe, “no medio da maior pandemia sanitaria que coñecemos”, acelerando a súa política “de acoso e derribo” ao que é piar esencial do sistema sanitario. Así o dixo a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, logo de reprochar os 12 anos de recortes orzamentarios co Goberno do PP.

“E agora, cando sería precisa unha auténtica aposta pola sanidade pública para afrontar con garantías a pandemia o orzamento para Atención Primaria é de 45 millóns de euros menos que en 2009”, recriminou, para a continuación incidir tamén sobre o déficit de profesionais e lembrar que nas contas de 2021, e logo do esforzo realizado e que segue a realizar o conxunto do cadro de persoal, só se contempla un aumento de 85 profesionais na Atención Primaria, “cando as xubilacións foron moitas e a previsión para os vindeiros anos é moi elevada”.

Lonxe de reforzar o sistema, para Prado o PP afonda no “colapso e nun pozo máis e máis profundo” á Atención Primaria, dando resposta á pandemia “a costa do esforzo das e dos profesionais” e cun investimento per cápita de 182,37 euros, moi inferior aos 206,73 da media estatal, segundo un informe da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.

A deputada nacionalista criticou con severidade que o Executivo de Feixóo estea convertendo a consulta presencial en excepcional “cando debe ser a norma” e facendo “saltar polos aires” a relación profesionais-doentes ao transformar unha parte moi importante da demanda en consulta non presencial, “en consulta telefónica”.

Neste sentido, aludiu ás graves limitacións que está a sufrir a cidadanía para acceder á atención sanitaria, con esperas de dúas semanas para cita telefónica e impedindo que as persoas que o precisen poidan solicitar atención presencial. “De verdade considera que as galegas e galegos non son quen de saber se teñen unha doenza que precisa de atención presencial? Queren chegar a este nivel de infantilización?”, recriminou, logo de subliñar que a Atención Primaria “non se pode exercer a distancia; é fundamental o contacto directo”.

De igual xeito, Prado afeou a falta de profesionais e de recursos e que estas graves carencias “non se solucionan con APPs, telemedicina ou consulta telefónica”, senón con “recursos, planificación e poñendo as luces longas”. Ante unha situación ao límite do “non retorno” cun modelo, o do PP, de desmantelamento da sanidade pública que está a empurrar ás persoas cara á sanidade privada, defendeu a proposta do BNG para desenvolver un Plan Integral de Mellora de Atención Primaria (co aumento progresivo dos orzamentos até chegar ao 25% e cun plan asociado de Ordenación de Recursos Humanos para a correcta dotación de profesionais); implementar protocolos unificados que garanten o acceso equitativo á atención sanitaria independentemente da localidade onde cada persoa sexa atendida; o reforzo de profesionais en todas as categorías; e a garantía dunha atención presencial a todas as persoas que o precisen. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG