BNG acusa á Xunta de “boicotear” a emancipación da mocidade e carecer dun plan e programas específicos para facilitar o aluguer á xente moza

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández lamentou que o PP vetara a proposta do BNG e criticou que a Xunta non convocara no 2020 as axudas do Plan estatal de vivenda e deixara de executar  300 mil euros no ano 2021 en axudas para o alugueiro

A parlamentaria do BNG, Alexandra Fernández, acusou á Xunta de “boicotear” a emancipación da mocidade e privala de axudas para favorecer o alugueiro e lembrou que no ano 2021 a Xunta deixou sen executar 300 mil euros dun total de 840.000 da axuda estatal para menores de 35 anos.

A deputada criticou que a Xunta careza “dun plan” para abordar a crise de emancipación da mocidade así como  “programas específicos para facilitar o alugueiro á xente moza”.

A nacionalista lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa do BNG para instar á Xunta a: convocar, de forma inmediata, ás axudas do Bono Xove de alugar do Estado, ampliar a cobertura desta axuda con medidas e fondos propios para ampliar o número de persoas beneficiarias, convocar axudas específicas para mozos e mozas con poucos recursos, “excluídos do Bono Xove”, desprazados por motivos de estudo ou pola falta dun contrato laboral  e poñer en marcha un “Plan para a emancipación da mocidade” que, máis alá das axudas  ao alugueiro, articule outras medidas de carácter estrutural como a ampliación da oferta de parque público  ou mellora da accesibilidade á vivenda no mercado libre.

Para a deputada, o PP segue coa estratexia “da avestruz”, negar a realidade e afirmar que “non existe ningún problema” cando en realidade “non fixo as convocatorias, non  executou os orzamentos e boicoteou o  Plan estatal de vivenda”. Na actualidade, continúan na mesma liña e volven a “boicotear” o Plan de vivenda e Bono Xove.

A parlamentaria remarcou que o PP, ademais de boicotear as axudas estatais para vivendas, tamén “boicotea as competencias da Xunta neste ámbito” sobre todo, dixo, no  referido á creación de programas de vivenda e  denunciou a “impostura e hipocrisía” da Xunta que por unha banda critica a insuficiencia do Bono Xove de alugueiro para catro mil beneficiarios cando no ano 2021 deixou sen executar 300.000 euros e  o bono alugueiro só chegou a 280 beneficiarios. Ao seu xuízo, é “un escándalo” que as axudas non sexan executadas cando “son tan necesarias”.

Tras a intervención do portavoz popular, a deputada do BNG volveu a explicar, pormenorizadamente, cada un dos catro puntos da iniciativa e afirmou que todos son de fácil aplicación se realmente existe vontade política por parte do goberno galego e reiterou que a Xunta adoece “dun mínimo de planificación” para resolver un problema sobre o que o Partido popular non quere debater nin aplicar medidas porque   “nin asume as súas competencias, nin as súas  responsabilidades” ante a crise de emancipación da mocidade en Galiza.

A deputada do BNG, remarcou que a crise emancipadora  revela que a penas un 15% dos mozos e mozas entre 16 e 29 anos  pode emanciparse e na franxa de idade entre  30 e 34 anos os problemas estruturais agravan a situación xa que catro de cada dez mozos e mozas non conseguen asumir unha vida independente, “a segunda peor taxa de todo o estado e só por detrás de Canarias”.

Sobre esta situación, que a nacionalista cualificou de “grave e preocupante” o goberno do PP continúa retorcendo os datos e obvia a franxa de entre 30 e 34 anos para salientar a emancipación entre os 16 e 29 porque neste tramo de idade, Galiza sitúase un pouco mellor en relación da media estatal. Sen embargo, indicou Fernández,  hai factores que deben tomarse en conta como que hai un gran número de  mozos e mozos estudan fóra da casa e polo tanto, as  verdadeiras dificultades da emancipación sitúanse na outra franxa, entre 30 e 34 anos.

O 60% do salario da xente moza é  destinado ao alugueiro

Por outra parte, “hai moita xente moza que a pesar de ter traballo non pode emanciparse” e ter un traballo non é garantía de acceder a unha vivenda en Galiza. Unha persoa moza asalariada debe dedicar o 60% dos seus ingresos a pagar o alugueiro e cos gastos de subministros nun momento de crise económica fai inviable que os salarios actuais dos mozos e mozas  permitan a súa emancipación, aseverou a nacionalista.

A xeración entre 25 e 34 anos que viven cos país teñen traballo pero non poden emanciparse e o Goberno galego non pode seguir “distorsionando este problema”.

Alexandra Fernández concluíu a súa intervención aludindo a “inxusta e falsa caricatura dos ninis”, aqueles mozos e mozas que non queren estudar nin traballar porque en realidade, dixo, o que realmente existe é “un problema estrutural” e as administracións públicas deben velar por resolver as causas deste problema, a  “precariedade do mercado laboral e o brutal aumento do prezo das vivendas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG