PARLAMENTO GALEGO

BNG acusa a sanidade de improvisación e falta de rigor na vacinación

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira pide ao goberno unha “estratexia clara” para o proceso e evitar discursos triunfalistas

Reclama planificar as diferentes fases da vacinación e elaborar un informe sobre as medidas adoptadas.   

BNG acusa a sanidade de improvisación e falta de rigor na vacinación

Tras a comparecencia do conselleiro de sanidade para explicar os avances no Plan galego de vacinación, a deputada do BNG, Iria Carreira pediu ao goberno “unha estratexia clara” e fuxir dos “discursos triunfalistas”. Para a deputada, os meses de pandemia aconsellan fuxir de  “improvisacións e a falta de rigor” e lembrou que no anterior pleno celebrado na Cámara galega, o titular de sanidade xa  describiu as liñas do Plan de vacinación ao que o BNG respondeu  que era urxente  “unha  clara actuación do goberno”, nesta materia.

O que pedimos, dixo é planificar as diferentes fases de vacinación e elaborar “un informe” sobre as medidas adoptadas.

Carreira lembrou que o plan estaba deseñado coas características das vacinas, Pfizer e Moderna, a loxística, organización, rexistro, aplicación, formación, pero faltáballe  o número exacto de doses e a frecuencia de recepción o que  impedía afinar as súas previsións. Sen embargo, “xa se encargou o señor presidente de sacar peito en reiteradas ocasións facendo as contas da leiteira ara unha vacinación total e ao final ían sobrar horas no día para vacinar a todas as galegas”.

 Ademais, proseguiu a deputada,  o conselleiro  anunciou que ese día  comezaba a vacinación das profesionais sanitarias que non estaban en 1ª liña,  traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e os avances na  vacinación de grandes dependentes e persoas  maiores de 80 anos. Parece que había unha estratexia clara de como ir organizando os diferentes grupos de vacinación pero a mañá seguinte produciuse unha pequena sorpresa, “profesionais docentes de diferentes centros educativos de primaria e secundaria, puntos do país e  calquera franxa de idade, recibiron unha cita para seren vacinadas, sen outro aviso previo. Citación que contribuíu a crear situacións de difícil xestión como   a convocatoria dunha boa parte dos claustros avisando cunha marxe de 24h ou  sen deixar espazo para deseñar alternativas de atención ao alumnado.  Así hoxe, 200 docentes que estaban citadas ás 8 da mañá en Montecelo tiveron que agardar durante horas para seren finalmente vacinadas.

A deputada amosou dende a tribuna o aviso ao que fixo referencia e que afectaba a docentes xa vacinados. Houbo centros que recibiron a notificación á unha e cuarto do mediodía. Un aviso “pouco serio e rigoroso” a través dunha notificación sin sinatura e só cos membretes das consellerías de educación e sanidade e o do xacobeo, “ese que non falte nunca”, ironizou a nacionalista.

O avisto tamén mencionaba o tempo para recibir a vacina, 8 minutos, logo dos cales será preciso permanecer no centro un total de 15 minutos”. Hai docentes que están a traballar no instituto de Viveiro e tiveron que acudir a Burela. Normalmente este traxecto en coche leva unha media hora en coche e non sei, dixo, onde se contempla esa hora de desprazamento nin tampouco posibles demoras na atención ao que hai que sumar á ausencia das profesionais cuxo traballo debe ser asumido polas súas compañeiras.

Todas as citacións danse sen ser coñecidos os criterios que se seguiron para decidir que profesionais se vacinaban e cales non, de maneira que hoxe temos a persoas mozas, sen ningún factor de risco, que xa foron  vacinadas coa 1ª dose; e outras que superan os 55 anos e sen ningunha información ao respecto de cando serán citadas. Alégrome moito polas agraciadas, mais permítame apuntar que isto aseméllase máis a “unha tómbola que a un plan de vacinación serio e rigoroso”, recalcou.

Resulta “inconcibible” citar ás docentes sen  aviso previo para a vacinación  ás 24h, notificar aos centros que as profesionais van ser vacinadas o día seguinte de estar  vacinadas, e posteriormente reunirse  cos representantes sindicais para explicar o procedemento.

BNG acusa a sanidade de improvisación e falta de rigor na vacinación