Parlamento Europeo

BNG acusa a Rueda de “desprezar” o informe do Consello de Europa sobre a lingua e emprázao a corrixir o decreto da vergoña

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas subliña que foi o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, quen botou por terra todos os consensos históricos construídos arredor do galego

A portavoz de Cultura e Lingua do BNG, Mercedes Queixas, acusa ao presidente de Xunta, Alfonso Rueda, de “desprezar” coas súas últimas declaracións o informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, no que se reclama ao Goberno do PP que elimine as restricións que lle ten impostas ao galego no ensino, fundamentalmente a través do “decreto da vergoña”.

“Rueda é o presidente da Xunta que se puxo no seu día detrás da pancarta en contra do galego”, subliña Queixas, quen ademais lembra que Rueda forma parte desde 2009 “do Goberno do PP que, por primeira vez en democracia, prohibiu estudar en galego as materias da área de Ciencias”.

Despois de escoitar as declaracións feitas hoxe polo presidente da Xunta, a deputada do BNG destacou ademais que “foi o PP quen botou por terra todos os consensos históricos que todas as forzas políticas tiñan construído ao redor da lingua”, defendendo os seus intereses partidistas en troques do presente e o futuro do galego.

“Até o de agora vimos un Rueda que desprezaba continuamente as demandas dos milleiros de galegos e galegas que se manifestaban nas rúas ao berro de queremos galego ou para defender o dereito a vivir en galego, pero agora vemos un presidente que ademais despreza o novo informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, que volve a exixir outra vez ao Goberno do PP que elimine todos os límites que lle ten impostos á nosa lingua fundamentalmente a través do decreto da vergoña”, apuntou Queixas.

Un decreto que, engadiu, demostrou que “só serviu para desgaleguizar” á sociedade dende a escola, como apuntan os estudos do Consello da Cultura Galega, segundo os que un de cada catro mozos e mozas menores de 14 anos recoñece que non ten competencia suficiente para conversar no idioma do País.

Segundo asegura a portavoz de Lingua do BNG, Rueda segue a mostrarse insubmiso ao cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas “mentres continúa sendo totalmente submiso ao PP máis antigalego da historia do País”.

Proba disto, agrega, é o voto do PP en contra do uso do Galego no Congreso e no Senado, ou o anteproxecto para unha nova Lei de Medios Públicos de Galiza, onde o PP quere introducir un artigo “que busca quitarlle tempo de presenza ao noso idioma na radio e na televisión públicas para introducir outras linguas, nomeadamente o galego e o inglés, quebrando un dos principios fundacionais da CRTVG”.

Se realmente  o PP quere volver ao consenso en torno ao galego, continúa Queixas, terá unha boa oportunidade no próximo Pleno do Parlamento, no que o BNG presentará unha moción con propostas encamiñadas precisamente  recuperar o consenso lingüístico. “O PP de Rueda terá a posibilidade no próximo pleno de, por fin, votar por primeira vez a favor do galego”, conclúe a deputada nacionalista. 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG