Parlamento Galego

O BNG acusa a Feixóo de usar aos nenos e nenas das escolas infantís como canle de propaganda electoral

Montse Prado
Montse Prado

As familias recibiron unha foto dos seus fillos e fillas acompañadas dunha carta do presidente da Xunta entregadas en man polo persoal dos centros

Prado faise eco das queixas dos proxenitores e leva o tema ao Parlamento

O BNG acusa ao presidente da Xunta de utilizar aos nenos e as nenas das escolas infantís como canle de propaganda electoral para facer chegar aos pais e nais unha carta de autobombo que foi entregada en man a cada familia, xunto cunha foto escolar de cada alumno, nestes centros educativos, seguindo instrucións detalladas cursadas pola xerencia adxunta de Escolas infantís.

A principios de decembro as familias con nenos e nenas matriculados en escolas infantís da Xunta recibiron unha comunicación na que se lles informaba de que, con motivo do Nadal, a Consellería de Política Social agasallaba a cada familia cunha fotografía do seu neno ou nena previa autorización dos proxenitores. Unhas fotos que se realizaban nos propios centros a cargo do Consorcio Galego de Servizos Sociais e Benestar.

Tras esta comunicación ás familias, o persoal das escolas infantís reciben indicacións detalladas de como entregar as fotos ao tempo que se lles advirte de que esa entrega irá acompañada dunha carta do xefe do Executivo asinada do seu puño e letra.

“Mañá día 27 recibiredes por mensaxería na escola as fotos que se fixeron aos nenos e nenas, xunto cunha carta para cada familia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e uns sobres. Deberedes meter cada foto, xunto cunha carta, nun sobre e indicar por fóra o nome do/a neno/a para que, no día de mañá, entreguedes en man a cada familia. Podedes organizarvos de xeito que o persoal adscrito a cada aula faga a entrega ás súas familias”, rezan as detallada instrucións comunicadas ao persoal, utilizado tamén como correos electorais do PP.

“Diversos pais e nais fixéronnos chegar o seu malestar e desaprobación por esta actuación, que consideran un gasto superfluo, sen ningunha xustificación. Unha actuación que como mínimo se pode cualificar de electoralista porque estamos diante dun caso descarado de uso de recursos públicos para promoción persoal do presidente da Xunta. E o máis grave, usando aos nenos e nenas como escusa”, denuncia a deputada Montse Prado, que se pregunta “até cando vai o PP seguir usando recursos públicos para a súa publicidade e propaganda”.

Prado avanza que  o BNG xa presentou unha pregunta en Pleno pedindo explicacións “ante unha propaganda, utilización do alumnado e do profesorado e un malgasto de recursos públicos que contrasta coa desidia e desinterese de Feixóo ante outras situacións que si preocupan as familias. Como os pais e nais que seguen agardando unha explicación polos casos de intoxicación alimentar ou aqueles que non obteñen resposta á falta continuada de pediatras para atender aos seus fillos e fillas”.

“O que censuran as familias é que Feixóo non se dirixa a elas para darlles solucións a cuestións de moita relevancia pero si se comunique para facer propaganda da súa persoa”, conclúe Prado.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG