PARLAMENTO GALEGO

O BNG acusa a Feixóo de buscar unha coartada exculpatoria repetindo a convocatoria errada de prazas de pediatría en Verín

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas reclama unha nova convocatoria con incentivos e atractivos laborais reais que permitan captar profesionais
O BNG acusa a Feixóo de buscar unha coartada exculpatoria repetindo a convocatoria errada de prazas de pediatría en Verín

A deputada por Ourense, Noa Presas, exixiu que se abra outra convocatoria de prazas de pediatría no Hospital de Verín, tras denunciar que o Goberno de Feixóo aplica unha política laboral pouco atractiva e sen incentivos nas convocatorias naqueles lugares nos que se pretende fixar poboación e, polo tanto, é imprescindible facer unha aposta decidida por facilitar servizos á cidadanía.

“Pedimos ao SERGAS que volva convocar esas prazas pero que sexan atractivas e con incentivos e para conseguir o obxectivo de atraer profesionais”, salientou a deputada por Ourense, tras recalcar que o BNG xa advertiu contra a repetición dunha convocatoria que “nacía errada” porque desde a Consellería de Sanidade “non se tomaron a molestia de incentivar nin o máis mínimo esas contratacións cuxo pouco atractivo xa quedara manifesto na primeira convocatoria”.

"O SERGAS non se tomou a molestia de incentivar nin o máis mínimo estas contratación" recalcou Presas, destacando que para conseguir resultados diferentes non ten sentido empeñarse en repetir un camiño ou unha fórmula fracasada, empeño que o Bloque interpreta “como unha manobra auto exculpatoria de Feixóo ante os seus para xustificar unha decisión inxustificable. Pedimos seriedade e unha nova convocatoria en condicións que demostren vontade real de cubrir as prazas de pediatría no Hospital de Verín”.

Mentres estas prazas non fiquen cubertas, o BNG reclama que se aplique "a rotación que se estaba facendo antes de tomar a decisión unilateral de pechar a sala de partos de Verín". Este tipo de rotacións estanse levando a cabo en outros hospitais comarcais polo que resulta incomprensible que non se faga tamén neste caso.

Presas pediu que a Xunta asuma que foi "a política laboral" do propio PP, marcada pola precariedade no sector da sanidade pública, a que terminou por expulsar a moitos e moitas profesionais,  entre eles pediatras, cara outras partes de Galiza do Estado con mellores condicións e incentivos laborais. “Que rectifiquen a súa política laboral que, ademais, xa ten recibido numerosas condenas por parte dos tribunais”, recalcou.

A deputada nacionalista reclamou, por iso, unha nova convocatoria “que teña incentivos económicos e de estabilidade e sexa atractiva tamén en canto ás posibilidade de investigación e rotación con outros hospitais. Hai que facer destas unhas prazas máis atractivas para que poidan vir pediatras para o Hospital de Verín",  argumentou. O Bloque está convencido de que é posible, pero para iso, recalcou Presas, “urxe facer algo diferente do que fixo o Goberno de Feixóo ao longo destes meses que non foi máis que buscar unha desculpa para unha decisión inxustificable como é o peche da sala de partos de Verín”.