parlamento galego

BNG acusa á Deputación de Ourense de contratacións abusivas e arbitrarias e a Xunta responde que hai que respectar a autonomía local

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas cualificou de “anomalía democrática” que Ourense non conte cun “Plan único” e criticou  a distribución dos fondos públicos da institución dirixida por Baltar en beneficio do Partido popular

A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Noa Presas preguntou á Xunta polas conclusións do informe do Consello de Contas a respecto da xestión económica da Deputación de Ourense no exercicio 2018, un informe, dixo, que constata unha “distribución desigual e arbitraria dos fondos públicos”.

Para a nacionalista, a deputación de Ourense carece “dun Plan único” e iso posibilita que os fondos sexan distribuídos en función dos “intereses de Partido popular”. Neste sentido, afirmou que “o 80% das subvencións son de carácter nominativo” e utiliza os recursos públicos coa intención de condicionar ás e aos cidadáns ourensáns.

O informe, engadiu a nacionalista, é contundente: “non cumpriu co prazo establecido para a rendición da conta xeral de 2018, non se remitiu información sobre a subscrición de calquera tipo de convenio que supuxese compromisos económicos de máis de 600.000 euros incumprindo a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público e tampouco enviou a relación certificada comprensiva dos convenios formalizados no exercicio”.

Gobernan a golpe de modificación orzamentaria superando os 29M€ que representan máis de 36% dos créditos iniciais, circunstancia que tamén se produciu nos 4 exercicios anteriores, aseverou.

Por outra banda, hai  un exiguo 12% réxime de concorrencia competitiva fronte un  “anecdótico” 4% para a concorrencia non competitiva e tampouco cumpre coa obriga de publicidade recollida na lei.

Este modus operandi repítese no referido ás contratacións, onde “é escandaloso e contrario á normativa o abuso da contratación menor”, cun prodecemento ordinario de adxudicación do 80% do volume contratado no ano 2018 como contrato menor. E o 70% do volume dos contratos menores de obras “concentrados  en 5 adxudicatarios”.

Mentres nos últimos anos o resto das deputacións foron dando pasos a prol da obxectividade no reparto de fondos, “a Deputación de Ourense funciona en dirección contraria”, recalcou a parlamentaria do BNG.

A Xunta ampara a xestión de Baltar coa escusa do respecto a autonomía  local

Tras a resposta da directora xeral de Función Pública, Natalia Prieto que xustificou a “inhibición” da Xunta na xestión económica da Deputación de Ourense amparando a xestión de Baltar no “respecto á autonomía local”, a deputada do BNG replicou que “que o goberno do Partido popular roza o cinismo” e acusou á Xunta de ser coñecedora do que acontece na institución que dirixe “a saga Baltar” e mesmo con participación, institucional, económica entre a Xunta e a Deputación de Ourense, de feito, recalcou, existe unha maior vinculación que co resto das deputacións galegas.

Si vostedes eluden responder ás cuestións formuladas polo BNG é “por que non queren” e neste parlamento escoitamos a miúdo valoracións da Xunta sobre os gobernos das sete cidades, agás do concello de Ourense e da deputación desta provincia. “Non lles convén opinar”, recalcou Noa Presas e queren evitar “calquera incendio con Baltar”.

A situación económica de Ourense precisa dun “cambio de rumbo” e o PP non pode seguir sendo “o colaborador necesario” das políticas que están levando a Ourense a ter os peores servizos sociais pola política  de contratación “a dedo”.

Noa Presas acusou á directora de Función Pública de “exculpar ao goberno de Feixóo” ante a crítica situación económica e social da terceira cidade de Galiza e avanzou que dende o BNG e o conxunto de persoas que traballan e viven en Ourense continuarán pedindo explicacións á Xunta para que Ourense supere a “anomalía antidemocrática” de non contar cun Plan único.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG