BNG acada a unanimidade do Parlamento para mellorar a superficie admisible para os cobros da PAC na gandaría de pastos arbustivos e baixo arboredo

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira defende unha iniciativa para facer valer a realidade gandeira galega e que non saia prexudicada na percepción das axudas

BNG acadou o acordo unánime do Parlamento para instar á Xunta a centrar os seus esforzos negociadores con tódalas institucións precisas para que sexa recoñecida a totalidade da superficie que realmente teña actividade gandeira como admisible, mellorando o CAP (Coeficiente de Admisibilidade de Pastos), no caso dos pastos arbustivos e baixo arboredo, de modo que Galiza non siga a ser prexudicada pola falta de recoñecemento das súas singularidades.

Nunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Agricultura, a portavoz nacionalista de Desenvolvemento Rural e PAC, Carme Aira, explicou que cos coeficientes de admisibilidade convértense superficies brutas en superficies netas, a efectos de cobro das axudas da PAC “e cando este coeficiente é baixo adoita ser porque as superficies son consideradas menos produtivas, o que redunda de xeito negativo nas e nos gandeiros dúas veces: unha, porque non dispoñen de terreo extremadamente produtivo e, outra, porque perden superficie para o cobro das axudas”.

Logo de advertir da “clara tendencia” cara o abandono da actividade gandeira extensiva, sobre todo do pastoreo en zonas de montaña ou máis desfavorecidas, Aira considerou que, tendo en conta que a reforma da PAC se presenta como un gran paso para unha agricultura máis verde e que pretende asegurar a conservación dos recursos naturais, “esencial que a PAC contribúa a reverter o proceso de abandono dos pastos e a perda da gandaría extensiva”. “A falla de programas ambiciosos do II Pilar da PAC, reverter este proceso depende en gran parte do apoio que reciban estes sistemas gandeiros dentro do I Pilar, cuxos pagos directos teñen o obxectivo de protexer as rendas agrarias e evitar o abandono da actividade agrogandeira”, subliñou.

Nesta liña, advertiu que os rigorosos controis que as distintas administracións con competencias na xestións destes fondos europeas están a realizar, supoñen unha redución progresiva da superficie de pastos admisibles para as axudas directas. “Estes controis realízanse, por un lado, reclasificando no Sixpac recintos de pastos leñosos como forestais e, por outro, aplicando un novo CAP para descontar as superficies e os elementos considerados non elixibles nos pastos”, afondou.

“Véñense constatando valores moi reducidos do CAP, ou mesmo a exclusión completa das axudas en recintos con actividade gandeira, o que constitúe unha situación altamente preocupante, xa que as superficies de pasto actualmente en uso quedan fóra da PAC por causa do Coeficiente de Admisibilidade”, alertou, para a continuación pedir o deseño e posta en marcha dun sistema de admisibilidade mellor adaptado á realidade dos pastos leñosos e arbustivos en Galiza.

Así, fixou como obxectivos para este deseño a identificación e descrición da variedade de pastos leñosos galegos, así como as principais prácticas gandeiras asociadas a eles, segundo o establecemento argumentado da admisibilidade destes pastos arbustivos e baixo arboredo pola súa importancia produtiva e ecolóxica. Nesta liña, considerou tamén necesaria a identificación de prácticas locais establecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación de valores protexidos pola directiva de hábitats e aves, así como a revisión de aspectos concretos da aplicación da nova normativa da PAC e o seu encaixe en cada CA e o ofrecemento dunha serie de criterios que poidan aplicarse para a determinación das prácticas locais establecidas por parte das comunidades autónomas. 

“É imprescindible ter en conta as diversas realidades das distintas rexións de pastoreo no Estado español e, por suposto, hai que ter en conta a realidade galega, facendo valer en positivo a utilidade do pastoreo baixo arboredo e pasto arbustivo das distintas especies de gando”, recalcou, para engadir que “resulta escandaloso poder computar para as axudas unha superficie que non se cultiva, que simplemente cobra polo seu tamaño, e que aquela que é produtiva para labores de pastoreo, que axuda ao control dos incendios e favorece a gandaría extensiva non compute ou compute á baixa, castigando o mantemento do territorio, a paisaxe e as marxes protectoras en mosaico”.

Para a deputada nacionalista, o acordo parlamentar desta iniciativa do BNG é fundamental para trasladar a onde corresponde a realidade do pastoreo en Galiza para que as medidas de inspección e control impostas dende Europa se adapten á realidade do pastoreo de gando do País. “Isto, en última estancia, o que significa é que a nosa gandaría non se vexa discriminada á baixa e, polo tanto, se evite o abandono desta actividade que, á súa vez, leva ao abandono do territorio”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG