BNG acada a unanimidade do Parlamento para dotar dunha sala de agarda digna para as familias e os nenos e nenas que acoden a urxencias no HULA

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil obtivo o compromiso do Goberno do PP para habilitar un espazo “co acondicionamento necesario para garantir, na medida das posibilidades, un espazo confortable para as nenas e nenos e quen as acompaña”, unhas esperas incrementadas, criticou, pola falta de pediatras na Área Sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte

O BNG demandou no Parlamento a habilitación dunha sala de agarda digna para as crianzas e familias que agardan nos servizos de Urxencias Pediátricas no Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo.

A deputada por Lugo, Olalla Rodil, declarou que, se ben o BNG non pon obxección ao traslado das Urxencias Pediátricas dentro do hospital, este traslado non pode conlevar situacións como “non atopar espazo nin suficiente nin debidamente acondicionado para agardar a súa quenda”, como ocorreu nos meses de novembro e decembro, coa suba de casos de enfermidades respiratorias en nenos e nenas.

A parlamentaria nacionalista recriminou que, ademais do incremento de enfermidades respiratorias, o colapso na zona de agarda da Pediatría do HULA vén, ademais, pola inacción do Goberno do PP fronte o colapso da sanidade pública en Galiza e, neste caso, na Área Sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte.

Esta área está a sufrir unha vulneración do dereito das crianzas á asistencia sanitaria, criticou, xa que, relatou Rodil, só “hai pediatra, por exemplo, en Meira e atende ás nenas e nenos deste concello e dos da Pastoriza, Riotorto, Pol e Ribeira de Piquín. Se non hai pediatra en Meira, que é bastante habitual, vas a Vilalba e Vilalba non ten pediatra, levan moitos días sen el, tanto que se mobilizou hai uns días a veciñanza reclamando a cobertura da praza”.

Fronte esta situación, Rodil argumentou que pode haber consenso en todas as forzas políticas en que o feito de masificar e agardar nas Urxencias “non é cómodo en ningún caso pero se falamos de crianzas, bebés en moitos casos, debe e pode habilitarse un espazo co acondicionamento necesario para garantir, na medida das posibilidades, un espazo confortable para as nenas e nenos e quen as acompaña”. É por iso que o BNG emprazou ao Executivo do PP a ofrecer unha zona de agarda digna para familias e nenos e nenas, proposta que acadou a unanimidade na Cámara, coa promesa de cumprirse no prazo dun mes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG