parlamento galego

BNG acada no Parlamento o compromiso do Sergas para cubrir as vacantes de cardioloxía na comarca da Mariña

Daniel Castro
Daniel Castro

Daniel Castro recrimina á Xunta que considere garantido un servizo que só dispón dun profesional para 70.000 persoas e listas de agarda de ata 2 anos

Reclama reforzar o conxunto de servizos e recuperar a área sanitaria da Mariña, para non converter o hospital comarcal nunha “filial do de Lugo”  

BNG vén de acadar no Parlamento galego o compromiso do Sergas para cubrir as vacantes do servizo sanitario de cardioloxía na comarca da Mariña, que actualmente “só dispón dun profesional para 70.000 habitantes”, tal e como advertiu o deputado nacionalista Daniel Castro.

En resposta a unha pregunta formulada por Castro en comisión parlamentaria na que recriminou á Xunta a “insostible situación” da cardioloxía na comarca, o xerente do Sergas, José Flores, recoñeceu que o Goberno galego é “perfectamente consciente e responsable de que é a nosa obriga seguir intentado que o servizo se cubra” e comprometeuse a “sacar os profesionais de onde sexa necesario” para dar a cobertura precisa “de cardioloxía a todos os veciños da Mariña sen que teñan que desprazarse ao hospital de Lugo, neste caso”.        

Logo dos argumentos empregados polo máximo responsable do Sergas para xustificar esta situación na dificultade de atopar especialistas, o deputado nacionalista emprazouno a mellorar as condicións laborais dos profesionais. “Quizais ten algo que ver que as condicións laborais sexan mellores noutros territorios ou mesmo noutros Estados”, recriminou, para a continuación recordarlle tamén que son moitas e moitos os profesionais que acaban na sanidade privada polas súas mellores condicións de traballo e por “non ter uns servizos públicos dignos e de calidade”.

De igual xeito, reprobou ao alto cargo da Xunta que “dicir que a atención cun só profesional está cuberta é insultar a intelixencia dos mariñás e das mariñás” cando, recalcou, a atención xa non estaba garantida cando a comarca dispoñía de tres profesionais. “Salvo que se considere garantido o servizo con listas de agarda de ata dous anos”, reprobou, logo de subliñar que “isto non é unha atención sanitaria de calidade, a que o Goberno galego ten a obriga de dar”.

Neste sentido, tamén emprazou ao Executivo de Feixóo a recuperen a área sanitaria da Mariña, o que permitiría reforzar a atención sanitaria na comarca e no seu hospital de cabeceira, en vez de converter este complexo sanitario “nunha sorte de filial do hospital de Lugo ou nunha especie de centro de saúde grande”. “Gustaríanos animalos a que destinen maiormente os seus esforzos en garantir servizos de calidade no hospital da Mariña e non soamente a inaugurar metros e metros cadrados esquecéndose das eivas nos servizos, que son moitas e que seguen sen se solucionar”, recalcou.

O deputado nacionalista rematou a súa intervención reclamando, primeiro, a cobertura urxente das prazas vacantes en cardioloxía e, segundo, o reforzo deste servizo e do conxunto de servizos sanitarios da comarca cos recursos humanos, materiais e tecnolóxicos que garantan a atención dos pacientes tanto en calidade como en proximidade. “Repoñan estas prazas e auménteas, pero ademais de prazas, poñan os seus esforzos en achegar a sanidade pública á xente porque a sanidade pública, ou é próxima, ou non é da calidade”, concluíu
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG