O BNG acada que as denuncias sobre a Mina do Touro sexan tratadas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda defende que unha misión oficial da Eurocámara investigue en Galiza a contaminación causada pola megaminería contaminante
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña a importancia de que as denuncias pola contaminación causada pola Mina de Touro sexan tratadas na vindeira sesión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, no mes de novembro. Neste sentido destaca o compromiso do Bloque coa paralización deste proxecto mineiro ao lograr, a través do grupo Verdes-ALE, que sexa incluído na axenda da Eurocámara “xa que aínda non viñeron comparecer denunciantes das tres peticións que existen na Eurocámara sobre a mina de Touro”.

“Dada a ineficacia do goberno galego para poñer fin á contaminación que se produce como consecuencia da antiga explotación mineira, dedicada á extracción de cobre, e dos verquidos actuais, é indispensable que este problema se escoite en Europa”, salienta Ana Miranda, quen explica que o actual proxecto da mina de Touro, ao implicar a ampliación da mina orixinal, ademais de xerar contaminación e acumulación de residuos, provoca interferencias negativas con outras actividades económicas da zona.

Segundo apuntan as organizacións ecoloxistas, esa ampliación suporía unha dimensión total de 122 quilómetros cadrados, de forma que prexudicaría as pequenas explotacións agrícolas e gandeiras, pero tamén aos ríos e mananciais, -debido ao desborde das balsas abandonadas- e incluso ao valor paisaxístico da comarca, atravesada polo Camiño Francés.

Coñecer os problemas in situ

A portavoz do BNG en Europa considera prioritario que unha misión oficial do Parlamento Europeo visite Galiza -como a que en 2013 visitou as rías-, para analizar as consecuencias da megaminería contaminante, tal e como xa reclamou na última sesión da Comisión de Peticións na que se tratou a contaminación da mina de San Finx. Ao seu xuízo, esa misión oficial de eurodeputadas e eurodeputados debería coñecer de primeira man a contaminación na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos da mina de San Finx e os problemas do río Ulla (que desemboca na ría de Arousa) e os seus afluentes, consecuencia dos verquidos que se producen en Touro, así como outras denuncias en todo o territorio galego.

Os problemas de megaminería contaminante levan anos na Eurocámara, que xa tratara no 2012 o da mina de ouro de Corcoesto. Na actualidade hai varias denuncias na Eurocámara que motivaron esa demanda que pide o BNG de impulsar unha misión a Galiza para ver in situ esta problemática e o incumprimento da normativa europea por parte do Goberno galego, pois “hai un rexeitamento social claro”, afirmou Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG