O BNG acada o compromiso da Xunta para retirar do centro da vila de Ordes o tránsito de camións de SOGAMA

Camión de SOGAMA
Camión de SOGAMA

A través dunha pregunta formulada polo deputado, Xosé Luís Rivas, a directora xeral de Calidade ambiental confirmou que a Xunta negociou con SOGAMA solucionar nos próximos días o intenso tráfico de camións con lixo

O BNG, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno formulada polo deputado, Xosé Luís Rivas acadou o compromiso da Xunta para que “o casco urbano da vila de Ordes non siga soportando o tráfico pesado que transporta os refugallos á planta de  SOGAMA e GESUGA”.

A directora xeral de Calidade ambiental e Cambio climático, Mª Cruz Ferreira Costa  respondeu  ao deputado nacionalista que “nos vindeiros días”,  deixarán de circular polo casco urbano de Ordes os camións que transportan residuos cara a planta de SOGAMA en Cerceda, (A Coruña).

O parlamentario do BNG lembrou que xa van dez anos desde os veciños e veciñas de Ordes solicitaron resolver o tránsito do tráfico pesado conseguindo que se construíra a rolda leste para desconxestionar o tráfico, alternativa, dixo que non está sendo utilizada polos camións de refugallos con destino a  SOGAMA  e GESUGA.

O tránsito dos camións  explicou  Rivas, resulta especialmente grave na Avenida Alfonso Senra e na Rúa Recreo ocasionando retencións na circulación, vibracións, ruídos e mesmo cheiro e perda da carga que transportan ademais da alta velocidade á que circulan, sobre todo en horario nocturno.

Na  actualidade a estrada que comunica Ordes e Cerceda por Virís, é de titularidade da Xunta de Galicia, e  Ordes dispón dunha infraestrutura, a rolda leste  pola que  os camións que transportan os refugallos a SOGAMA e GESUGA poden circular sen atravesar o casco urbano de Ordes.

A directora xeral lamentou as molestias que este tráfico ocasionou  aos veciños e veciñas do concello de Ordes e confirmou que o  remate das obras   “mellorará o transporte en xeral e en concreto co transporte  do lixo a SOGAMA.

O parlamentario replicou que  o BNG agarda o cumprimento deste compromiso cos veciños e veciñas do concello de Ordes  para resolver os graves  problemas do transporte e tráfico na vila.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG