parlamento galego

BNG acada o apoio do Parlamento para que a Xunta declare Ben de Interese Cultural (BIC) os bens mobles de Meirás

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará recalca a importancia de incoar o expediente BIC de xeito urxente para impedir que os herdeiros do ditador trasladen os bens do pazo

BNG acada un acordo no Parlamento galego para declarar BIC os bens mobles de Meirás e impedir o espolio de más de 600 bens, incluídos os pertencentes a Emilia Pardo Bazán.

O nacionalista lembrou que se o Estado non presenta mañá xoves un recurso contra o último auto da Audiencia Provincial, podería comezar o “desvalixamento” dos bens do pazo por parte dos herdeiros da familia Franco, de aí a urxencia de “incoar a declaración BIC de todos os bens que se consideran  imprescindibles para contar a súa historia”. Ademais, deben ser aplicadas as medidas cautelares necesarias para protexer todos os bens de titularidade pública e os trasladados a Meirás como consecuencia do espolio sistemático perpetrado polo ditador.  

O acordo acadado no Parlamento galego a iniciativa do BNG compromete á Xunta a incoar de maneira urxente o procedemento para incluír no BIC Torres de Meirás os bens mobles que pola súa vinculación co inmoble forman parte inseparábel del, e a aplicación provisional a estes bens mobles do réxime de protección previsto para os bens de interese cultural. Actuar como parte coadxuvante nos procedementos xudiciais que se interpoñan pola administración xeral do Estado e adoptar todas as medidas previstas na lexislación, incluídas medidas cautelares e urxentes, para garantir a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás e para impedir un novo saqueo dos bens  resultantes do espolio franquista. E, neste sentido, advertir á familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado.

O BNG, que se felicita por este acordo acadado hoxe no Parlamento galego, non descarta, no caso de non ser suficiente esta vía para evitar o espolio, emprender outro tipo de accións, como por exemplo organizar un retén nas inmediacións do Pazo de Meirás para vixiar que non se produza o traslado de ningún ben moble do pazo.

Levar a cabo as accións pertinentes para que os bens cunha declaración específica de BIC, as Estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo, se manteñan en Galicia, en resposta ao sentir xeneralizado da sociedade galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG