parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para tramitar na Cámara Galega a Estratexia de prevención e atención da “soidade non desexada”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil apremou ao goberno galego a abordar, de “maneira integral”, a realidade das persoas que viven soas e máis concretamente aquelas  que viven soas sen desexalo

O BNG acadou un acordo unánime na Comisión de Sanidade, celebrada no Parlamento galego, para tramitar a “Estratexia de prevención e atención da “soidade non desexada”.

A través dunha proposición non de lei, defendida pola portavoz de Dereitos sociais do BNG, Olalla Rodil, o goberno deberá remitir ao Parlamento,  antes de que remate o ano, “a Estratexia de prevención, atención e abordaxe integral da soidade non desexada” para o seu debate e tramitación na Cámara galega.

Na defensa da proposta, a parlamentaria do BNG salientou que Galiza “experimentando nos últimos anos un incremento progresivo no número de persoas que viven soas, cada vez de maior idade”, pasando na última década de 229.993 fogares unipersoais en 2011 a “247.557 no ano 2021” maiormente, dixo, conformados por mulleres nun 56,8%.

A metade deses fogares, explicou Rodil, constituídos por unha persoa maior de 65 anos e formados  por  mulleres que viven soas, en 88.669 fogares.

Para a nacionalista, “combater a soidade non desexada e o illamento social” constitúe un dos desafíos da nosa época pois este complexo fenómeno, multicausal e subxectivo, pode afectar a calquera persoa ao longo das diferentes etapas do ciclo vital e esta  considerado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como “un dos maiores riscos para o deterioro da saúde  favorecendo as situacións de dependencia”.

No BNG, engadiu,  a nacionalista, defendemos  o dereito a unha vellez digna e mudar o enfoque das políticas públicas situando no centro a vida ás persoas. Apostamos por  “deseñar un novo modelo de coidados baseado na prevención da dependencia, a promoción da autonomía persoal e unha  rede de servizos públicos forte que permita garantir o máximo benestar das persoas, máis ou menos dependentes”. Con este enfoque elaboramos a Proposta de lei galega de residencias cuxa tramitación vetou  o Partido Popular, criticou.

Hoxe, incidiu a deputada,  volvemos a traer ao Parlamento galego , “ese dereito a unha vellez digna e un  novo modelo de coidados no fogar para as persoas que viven soas, e máis concretamente as que  viven soas sen desexalo”.

Urxe abordar a soidade non desexada e garantir “o dereito a unha vellez digna”

Tras lembrar o acordo parlamentario do ano 2021 no que a conselleira de Política social comprometíase a publicar “a Estratexia para abordar de maneira integral a soidade non desexada”, a día de hoxe, afirmou a nacionalista,  descoñecemos se foi, polo menos redactada.

“Abordar a soidade non desexada e sobre todo o seu impacto social era urxente en 2019 e  despois da pandemia   aínda máis”, recalcou Rodil.

Urxe fortalecer os Centros sociais, sanitarios e comunitarios; centros de día, atención a domicilio, teleasistencia, xantar na casa, promoción do asociacionismo e da participación veciñal, promoción da solidariedade entre xeracións e da cultura do coidado, así como o  apoio mutuo e da comunidade.

Pola súa parte, a  portavoz popular, Raquel Arias coincidiu coa diagnose da nacionalista e amosou a súa intención de apoiar a proposta do BNG.

Rodil respondeu ao PP que o BNG aceptaba a emenda presentada polos conservadores co cambio na franxa temporal para situar ao final do ano a remisión ao Parlamento galego da Estratexia contra a soidade non desexada. Dende o BNG, explicou pediamos que fose antes do remate do período de sesións pero finalmente será dentro de seis meses e aceptamos este cambio ante a nova convocatoria electoral para o 23 de xullo.

 “No BNG somos xenerosas” e poñemos o marco temporal en seis meses pero reiteramos que o Presidente da Xunta de Galiza e a conselleira de Política Social no mes de abril de 2021 anunciaron que estaría aprobada entre xuño e xullo dese ano e constatamos que de novo, o PP mentiu. Hoxe agardamos que cumpran o seu compromiso para o  remate do ano 23.

Temos a obriga de garantir “unha vellez digna” e sobre todo para esas persoas que viven soas e en estrema vulnerabilidade porque a soidade e o illamento social “non é un problema individual”. Podemos vivir nun bloque de edificios rodeadas de moitas persoas e sentirnos máis soas que nunca, esta é a situación que hai que reverter tanto nas zoas urbanas como no rural. Temos que recuperar valores de comunidade implicando ás administracións públicas e os servizos públicos.

Por outra banda, indicou que é  necesario que as entidades privadas tamén se impliquen para rematar “coa exclusión dixital”, porque afasta as persoas da comunidade e frea as relacións sociais. As empresas deben “fornecer o trato máis humano” e con tempo e competencia para esta relación.

Damos de prazo os seis meses, e se o acordo non se cumpre, anunciamos, dixo Rodil,  que o BNG volverá a traer ao Parlamento esta urxencia para as persoas que viven unha soidade non desexada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG