Parlamento Galego

O BNG acada un acordo unánime no Parlamento para crear unha tarxeta transfronteiriza con Portugal

Luís Bará
Luís Bará
A proposta defendida polo deputado Luís Bará será impulsada dende a Xunta  ante os gobernos español e portugués  e beneficiará á poboación das dúas beiras do Miño e facilitará as relacións económicas e sociais entre Galiza e Norte de Portugal
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposta, aprobada por unanimidade tras unha transacción co Partido popular, para impulsar unha  “tarxeta transfronteiriza” para ás persoas que habitualmente se desprazan  a Portugal por motivos laborais, de estudos ou de acceso a servizos, no caso de que se establezan restricións do paso da fronteira por motivos de saúde pública.

Na súa intervención, o deputado do BNG  argumentou  que a crise sanitaria provocada pola COVID 19 levou aos gobernos español e portugués a decretar o peche das súas fronteiras entre o 17 de marzo e o 1 de xullo. Este peche durante 107 días fíxose de xeito uniforme, centralizado e sen ter en conta a realidade dos diferentes territorios, tanto no ámbito  sanitario como socioeconómico.

No que se refire a Galiza, e máis concretamente ao Miño, dixo bará,  o peche de fronteiras fíxose de maneira unilateral desde Madrid e Lisboa, sen ter en conta a situación epidemiolóxica dos territorios limítrofes e os estreitos lazos institucionais, sociais e económicos entre Galiza e o Norte de Portugal.

Aínda que a 500 ou 600 Qm de distancia é difícil entendelo, a realidade é que “o río Miño non é unha liña divisoria entre territorios afastados senón unha ponte de unión, de intercambios e de servizos compartidos”, subliñou o nacionalista.

O peche de fronteiras decretado polos gobernos español e portugués supuxo un duro revés para as relacións socioeconómicas do territorio transfronteirizo. O feito de que durante moito tempo  só permanecese aberto o paso fronteirizo de Tui-Valença xerou graves incomodidades á poboación das dúas beiras do Miño, especialmente ás persoas que tiñan que desprazarse por motivos de traballo e que tiñan que dar “grandes rodeos para chegar ao destino, coa consecuente perda de tempo, de enerxías e de diñeiro”.

Polo acordo acadado hoxe, á iniciativa  do BNG, o Parlamento insta á Xunta de Galiza a:

  1. Impulsar diante dos gobernos español e portugués que se estuden fórmulas para evitar os efectos negativos no paso da fronteira por motivos de saúde pública.  
  2. Apoiar a implantación dunha "Tarxeta cidadá transfronteiriza " que promova a simplificación da vida das persoas, o aumento da eficiencia na Administración Pública  para a poboación residente nos concellos transfronteirizos aproveitando a experiencia de instrumentos deste tipo xa implantados no ámbito das  eurocidades.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG