O BNG acada un acordo unánime para manter a actividade e postos de traballo da empresa UNITONO en Ourense

Noa Presas con traballadoras de Unitono
Noa Presas con traballadoras de Unitono

O acordo inclúe reclamar a Gas Natural Fenosa-Naturgy carga de traballo necesaria para manter os postos de traballo e unha Mesa de traballo para evitar a deslocalización da empresa

O BNG acada un acordo unánime para manter a actividade e postos de traballo da empresa UNITONO en Ourense

A deputada do BNG  por Ourense, Noa Presas  defendeu unha proposición non de lei demandando do Goberno galego  realizar as xestións necesarias para  garantir a actividade e postos de traballo da empresa Unitono, situada no Parque tecnolóxico de Ourense. A proposta do BNG foi  aprobada por unanimidade tras aceptar a deputada nacionalista unha emenda do Partido popular.

Noa Presas, tras saudar ao Comité de Empresa presentes na tribuna de convidados, lembrou que en Unitono traballan 131 persoas, postos de traballo, dixo, que corren o risco de ser deslocalizados.  

A empresa  emprega maioritariamente a mulleres, como é habitual no sector, e tamén a homes que neste caso rompen as estatísticas habituais no telemárketing ao contra os seus traballadores e traballadores cunha media de idade máis alta dos 25-35 anos polo que un peche da empresa, suporía unha grande dificultade para unha futura colocación.

Historicamente, explicou a deputada, Unitono acolleu a atención ao cliente dos servizos de enerxía eléctrica do mercado regulado estatal e tamén, en menor medida, atención ao cliente de Portugal, onde comezou a implantarse unha vez liberalizado o mercado luso. Ante o risco de deslocalización da empresa, o comité convocou dous paros parciais os días 8 e 10 de abril secundados polo cen por cen do cadro de persoal. Para unha nómina de 700 euros, explicou, Presas, participar nas mobilizacións non foi fácil pero os traballadores e traballadoras de Unitono, unha vez máis demostraron “unha grande valentía na súa resposta”.

A empresa quere adelgazar os servizos de maneira paulatina até o seu peche final e Ourense “non pode permitir este golpe” nunha empresa, líder no sector e galardoada con diferentes premios  polos seus índices de calidade.

ACORDO PARLAMENTARIO PARA GARANTIR O FUTURO DE UNITONO

“O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego as seguintes actuacións:

  1. Realizar as xestións oportunas co fin de determinar as razóns das intencións de deslocalización e a situación da empresa en Ourense e poñer a disposición a colaboración da Xunta de Galicia coa finalidade de manter a actividade da empresa Unitono na súa plataforma situada no Parque Tecnolóxico de Ourense.
  2. Realizar as xestións con Gas Natural Fenosa-Naturgy a fin de exixir que garanta a carga de traballo necesaria para o mantemento da empresa e dos postos de traballo actualmente existentes.
  3. Constituír unha mesa de traballo plural na que se garanta a representación do Comité de Empresa, coa finalidade de desenvolver a colaboración para as actuacións necesarias para asegurar carga de traballo para manter a actividade e os postos de traballo, evitando deste xeito a súa deslocalización.
  4. Presentar no actual período de sesións un estudo onde se analice a situación do sector dos centros de chamadas así como as necesidades para garantir a súa viabilidade, o seu futuro e o emprego en Galiza.

Noa Presas avanzou que o BNG velará polo cumprimento do acordo acadado hoxe no Parlamento galego por unanimidade