PARLAMENTO GALEGO

BNG acada un acordo unánime para facilitar o acceso e incrementar a oferta dos cursos de formación profesional e seguridade dos traballadores do mar

Rosana Pérez
Rosana Pérez
A proposición non de lei defendida pola deputada, Rosana Pérez reclama  aumentar a oferta de cursos, on line, completando a parte teórica con practicas presenciais e reforzar o acceso á programación da formación non regrada nos centros de ensino, a través dunha plataforma dixital
BNG acada un acordo unánime para facilitar o acceso e incrementar a oferta dos cursos de formación profesional e seguridade dos traballadores do mar

A deputada do BNG defendeu hoxe na Comisión de Pesca demandar do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que a Dirección Xeral da Mariña Mercante recuperar os cursos de formación e seguridade para os traballadores do mar así como implementar a posibilidade da formación on line nos cursos completando a parte teórica on line cunha parte práctica presencial.

A proposta do BNG,  aprobada por unanimidade, tamén  insta á Xunta a crear unha  unha plataforma dixital para facilitar  o acceso á programación da formación non regrada dos seus centros de ensino.

Na defensa da iniciativa, a deputada explicou que o Convenio Internacional sobre  normas de formación e titulación para tripulantes, foi aprobado en 1978 pola Organización Marítima Internacional (OMI), co obxectivo de dotar aos traballadores do mar dunha “competencia de profesionalidade no desempeño das súas funcións con garantías de seguridade na navegación”.

Dende a entrada en vigor das “emendas de Manila”, engadiu a nacionalista,  introdúcense cambios importantes no Convenio, como a “obrigatoriedade da actualización de certificados de especialidade: Formación básica en seguridade, loita contra incendios, embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos, etc”.

Dende o ano 2017, os traballadores do mar deben realizar cursos de reciclaxe para a “revalidación dos certificados de especialidade” obrigatorios para desempeñar calquera actividade profesional a bordo dun buque.

Os cursos son obrigatorios pero a oferta de  cursos subvencionados, criticou a deputada do BNG,  “é insuficiente e agravada aínda máis polas restricións da COVID” e alta demanda para optar a unha praza conleva pre-matrículas cun ano de antelación”.

Esta situación, afirmou Rosana Pérez,  obriga a pagar o curso nun centro privado, “entre 150 e 300 euros para actualizar os certificados e entre 400 e 600 a súa expedición”.

Con certificados caducados non se permite embarcar

A maiores, explicou, en moitos casos só queda recorrer aos centros  de formación privados para facer  coincidir os descansos das tripulacións coas datas dos cursos ofertados porque “con certificados caducados non se pode embarcar”, circunstancia que obriga aos  mariñeiros a renunciar a  unha marea, é dicir, entre 15 e 30 días sen  actividade e cun grande prexuízo económico. Ademais, engadiu a nacionalista. Por outra parte,  “un vez superado o curso, debe ser solicitada a homologación do título  en Mariña Mercante e pagar as taxas correspondentes”.

No caso concreto do certificado de Formación Sanitaria Específica, remarcou,  se non é  revalidalo é necesario  realizar  o curso completo cunha duración de cinco días fronte a dous e cun prezo que pasa  de 300 a 600 euros. Ademais, “perderían a antigüidade nas listas de actualización e entrarían no último posto das listas para o curso de expedición”.

En opinión  da nacionalista, as persoas que traballan no mar teñen restrinxido o acceso a unha formación que se lles esixe  obrigatoria pola falta de adaptación do sistema formativo ás condicións específicas da profesión e á unha  “evidente desidia e desinterese da administración para resolver este problema”

Dende o BNG propoñemos  que a Xunta demande ao goberno do Estado  facilitar, a través do ISM e outras institucións, a realización dos cursos de mantemento da competencia dirixidos á renovación ou obtención do certificado de suficiencia, garantindo os cursos  nun centro público e de maneira  gratuíta para  evitar acudir ás empresas privadas e  cun custe inasumible para moitos traballadores do mar.

 

BNG acada un acordo unánime para facilitar o acceso e incrementar a oferta dos cursos de formación profesional e seguridade dos traballadores do mar