O BNG acada un acordo unánime para avanzar na devolución do Pazo de Meirás

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Luís Bará manifesta que a documentación e informes lexitiman a petición  e pide ao Goberno central que utilice a vía civil e o Rexistro da propiedade para frear os intentos da familia Franco contra a devolución

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei para avanzar na devolución do Pazo de Meirás que acadou o apoio unánime no Parlamento galego.

Tras destacar o importante labor realizado por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica, a Xunta pola devolución do Pazo de Meirás, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada, Bará lembrou que este traballo e os acordos na Deputación da Coruña “dan forza e lexitiman” para defender a devolución do pazo ao que sumou o gran “consenso social”. O deputado asegurou que o Partido popular vai cambiando pouco a pouco tamén a súa postura e modulando aínda que matizou que queda moito por andar despois de que o PP “liquidara todas as políticas do goberno bipartito neste ámbito”.

Agora, dixo, a pelota está no tellado do Goberno central e no Partido socialista que debe decidir cando e con que medios debe continuar o proceso e fuxir de “dilacións”. Ademais da devolución do pazo e outros bens espoliados pola familia Franco, Bará explicou  que quedan outras cuestións por resolver entre as que salientou as “persoas tiradas nas cunetas, a permanencia de simboloxía franquista ou títulos nobiliarios” pero a devolución do Pazo, recalcou non debe incluírse na lei de Memoria histórica porque de facelo, “ímonos eternizar” polo que volveu pedir axilidade no proceso. Hai documentación e informes suficientes para utilizar a vía civil e o Rexistro da propiedade e o Goberno central debe utilizar estas canles porque a “familia Franco está facendo movementos para entorpecer” e dilatar a devolución polo que “debemos actuar xa”, concluíu Bará.

Texto da proposición non de lei do BNG aprobada por unanimidade na Comisión de Administración Xeral celebrada hoxe no Parlamento galego:

O pasado 11 de xullo o Pleno do Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha proposición non de lei co seguinte texto:

“O Parlamento de Galicia, recoñecendo o importante traballo realizado desde hai anos por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica, a Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, e institucións coma a Deputación da Coruña e o Concello de Sada, entre outros, insta a Xunta de Galicia:

  1. A que remita urxentemente o Informe da comisión de expertos nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento da resolución do Parlamento de Galicia, sobre as posibilidades de incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, con todos os seus anexos documentais, á Administración xeral do Estado coa petición de que se realicen as accións legais a que fai referencia o informe na súa conclusión final co obxecto de reintegrar as torres ou pazo de Meirás ao ámbito dos bens de dominio público da Administración xeral do Estado.
  2. A incorporarse, en canto sexa exercitada esa acción legal, ao proceso civil como coadxuvante adhesiva.
  3. O Parlamento de Galicia declara a súa vontade de que a recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público non implique un novo custo para o pobo de Galicia.”

A esta data non consta que se teña activado por parte do Goberno do Estado ningunha actuación legal para recuperar o Pazo de Meirás. Pola contra, a familia Franco ten dado pasos coa intención de boicotear esta posibilidade e evitar que se acade a devolución deste patrimonio.

Ante a urxencia de que se impulsen canto antes as accións legais para incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, propoñemos a seguinte Proposición non de lei para debate en comisión:

“O Parlamento de Galiza acorda como resolución reprobar as argucias da familia Franco para intentar boicotear o proceso de devolución do Pazo de Meirás, e insta ao Goberno do Estado a que active con urxencia a demanda legal consonte o indicado na conclusión final do Informe da comisión de expertos, de acordo coa vontade unánime expresada o pasado 11 de xullo no Pleno do Parlamento de Galiza.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG