parlamento galego

BNG acada un acordo unámime no Parlamento para que a Xunta interveña co obxectivo de impedir o ERE en GABADI

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández denunciou a negativa da empresa a asumir unha opción distinta dos despedimentos e pediu ao goberno galego  un compromiso real contra a decisión de GABADI

A través dunha proposición non de lei, o  deputado do BNG, Ramón Fernández instou á Xunta a  poñer en marcha as medidas necesarias para impedir o ERE anunciado na empresa, GABADI na comarca de Ferrol. A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade.

Na defensa da iniciativa, o  parlamentario nacionalista lembrou que o ERE afecta a 36 persoas dun total de 169 nunha empresa moi diversificada  dentro da construción naval e que presta servizos para Dinamarca, Singapur, Canadá, China ou Qatar onde realiza traballos de reparacións, en China, construción de Gaseiros, e en  Canadá,  participa na construción de patrulleiros.

Ramón Fernández cualifica de “inxustificado” o ERE e denuncia a negativa da empresa a asumir unha alternativa contra os despedimentos. Durante a negociación do ERE, explicou o deputado do BNG, GABADI contratou a empresas externas para a realización de servizos habitualmente prestados polo propio persoal o que fai indicar, dixo, que os despedimentos obedecen á intención da empresa para “desregularizar as condicións de traballo”.

Mon lembrou que a empresa presentou unha proposta  para reducir o número de despedimentos si o persoal aceptaba un descolgue do convenio provincial do metal, para desregular por completo a xornada laboral. A xuízo do deputado, “unha chantaxe” na que os postos de traballo de 30 persoas son utilizados como “reféns á espera de que os negociadores acepten pagar o rescate”. Un rescate, reiterou que consiste en aumentar a xornada anual por riba da marcada no convenio do sector, para traballar 8 días máis ao ano. Non está mal, ironizou o nacionalista

Como o comité de empresa non acepta as condicións fanse efectivos os despedimentos, mentres tanto o traballo  continúa con horas extras e  “prestamismo laboral”, recalcou.

 “Chantaxe,  rescate”,  que evidencian “unha represalia” contra o cadro de persoal que quere manterse dentro do seu convenio de sector e  traballar conforme ás condicións establecidas. “30 persoas usadas como rescate e finalmente despedidas utilizando a Reforma laboral do Partido Popular e que   actualmente mantén en vigor PSOE+PODEMOS, censurou o deputado.

O parlamentario do BNG recriminou que mentres a Xunta propón constituír un polo enerxético na comarca de Ferrol  “non move un dedo” para entrar no Consello de Administración de Navantia do que depende que a construción de plataformas flotantes para a eólica mariña non se traslade de Fene a Baía de Cádiz.

Tampouco lle interesa, engadiu  recuperar actividades que significarían miles de postos de traballo, miles, como a construción naval civil, que precisamente tería futuro vinculada aos novos sistemas de mobilidade marítima, coherente coa constitución dese polo enerxético.

Polo enerxético do PP criticou Mon, consiste en  “inzar de muíños eólicos toda a comarca e todo o país”, mentres seguen bloqueando calquera posibilidade de poñer esa produción ao servizo da consolidación de tecido empresarial a través dunha “empresa pública de enerxía”.

Tras a votación, o deputado agradeceu o apoio do resto das fozas representadas na cámara  á iniciativa nacionalista e dixo agardar que o acordo se plasme nunha solución rápida para os traballadores de GABADI.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG