O BNG acada un acordo para solucionar a falta de cobertura telefónica e de internet en Cartelle

Noa Presas e Montse Prado
Noa Presas e Montse Prado

Insta á Xunta a contemplar esta zona e outras de sombra na provincia de Ourense á hora de desenvolver o Plan de Banda Larga de Galiza 2020 e das actuacións da AMTEGA

O BNG acadou hoxe un acordo na comisión de industria, celebrada no Parlamento galego  para solucionar a falta de cobertura telefónica e de internet no concello de Cartelle. Iniciativa  que estendeu ás actuación da Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galiza. A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Noa Presas foi aprobada por unanimidade tras aceptar a nacionalista unha emenda do Partido popular.

O acordo insta á Xunta de Galiza para que “da man do Concello de Cartelle, volvan a realizar as xestións necesarias coa veciñanza e as respectivas comunidades de montes para buscar solucións viables, que poidan dar resposta ós problemas de cobertura telefónica e internet en varios núcleos de poboación do Concello de Cartelle, garantindo a igualdade de oportunidade con independencia de onde se viva”.

Ademais, o acordo recolle un segundo punto para que a Xunta se dirixa ao Goberno de España e que “ambas administracións teñan en conta a existencia desta e doutras posibles zonas de sombra  na provincia de Ourense á hora de desenvolver os seus plans de extensión de redes de banda larga”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG