Parlamento Galego

O BNG acada un acordo no Parlamento para axilizar o calendario da ITV de vehículos agrícolas

Mini Rivas
Mini Rivas
A iniciativa  nacionalista inclúe realizar xestións ante o Estado para prorrogar as inspeccións e que tractores e maquinaria agrícola podan circular dentro da legalidade mentres agardan pola revisión

O BNG acadou hoxe un acordo parlamentario para axilizar o calendario da ITV de vehículos agrícolas e realizar as xestións necesarias ante o goberno do Estado para prorrogar as inspeccións e asegurar que os tractores e maquinaria agrícola circulen dentro da legalidade, mentres agardan pola revisión.

Para o portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) que defendeu a proposición non de lei, aprobada hoxe no Parlamento galego, sería moi inxusto que calquera usuario ou usuaria de maquinaria agrícola, suxeita a revisión periódica “fose sancionado ou sancionada”  por non pasar unha revisión durante o estado de alarma xa que a culpa, dixo o nacionalista, “é das  unidades móbiles que van  con retraso no seu calendario”. Dende  a Delegación do goberno foi remitida unha normativa para prorrogar até o 10 de novembro o prazo sen avanzar a súa prorroga e recomendando solicitar cita para a ITV na estación máis próxima, a pesar dos inconvenientes de mover a maquinaria ben polos seus propios medios ou utilizando unha plataforma.

O deputado  explicou que un gandeiro que  conte cun remolque, tractor e cisterna debe facer tres ou catro viaxes para pasar a ITV pero si o percorrido e moi longo debe utilizar varias plataformas de aí a necesidade de buscar alternativas para que non incorran nunha ilegalidade xa que prazo para pasar a inspección caduca o vindeiro 10 de novembro de 2020.

Ante esta situación, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, remitiu unha comunicación á delegación do Goberno para solicitar unha prorroga, polo menos de dous meses para asegurar que a maquinaria agrícola poda circular legalmente até a súa revisión. A Delegación do goberno respondeu ao alcalde nacionalista que trasladaban a súa solicitude á Vicepresidencia da Xunta. Mentres “uns tiran a pelota a outros”, afirmou Mini, as ITVs caducan poñendo  en risco  a poboación e  usuarios e usuarias de maquinaría agrícola.

En opinión do deputado, resulta “moi chamativo” que unha administración teña coñecemento desta situación grazas a misiva dun alcalde. “Precisamos ITVs móbiles porque en cada casa no medio rural hai maquinaría agrícola e tractores último modelo e tractores de cincuenta anos que continúan funcionando” e todos eles deben ser revisados.

A proposición non de lei defendida polo BNG foi aprobada cos votos do  Partido popular e a abstención do PSOE.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG