O BNG acada un acordo para identificar e exhumar ás vítimas do Franquismo soterradas en foxas comúns

Luís Bará
Luís Bará

Para o deputado Luís Bará, o obxectivo do plan debe ser a entrega dos restos ás familias e o desenvolvemento de actos para un enterramento digno.

O BNG acada un acordo para identificar e exhumar ás vítimas do Franquismo soterradas en foxas comúns

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, elaborar un plan de identificación e exhumación das vítimas do franquismo soterradas en foxas comúns co obxectivo de entregar ás familias os restos para un “un enterramento digno”.

Coa aprobación por unanimidade da proposta do BNG, o Parlamento galego comprometese a instar á Xunta de Galiza a: “Elaborar e aprobar, coa participación das entidades locais, universidades e asociacións de memoria histórica, un Plan plurianual de investigación, localización, exhumación e identificación das vítimas do franquismo que están soterradas en foxas comúns en Galiza. O procedemento para a localización basearase na investigación por parte dun equipo multidisciplinar que teña en conta as fontes orais,  as probas documentais e a relación de indicios que a xustifiquen. Os traballos de exhumación e identificación realiraranse por equipos profesionais, con financiamento público e de conformidade cos protocolos establecidos. O obxectivo último do plan debe ser a entrega dos restos ás familias e o desenvolvemento de actos de enterramento digno”.

RECUPERAR O TEMPO PERDIDO

 Luís Bará manifestou na súa intervención que  é o momento de recuperar o tempo perdido, desenvolvendo un plan plurianual de traballo que permita investigar, localizar, exhumar, identificar e dar un enterramento digno ás vítimas do franquismo que están soterradas en foxas común. Este plan, dixo debe facerse “ con rigor,  medios técnicos, materiais e económicos, seguindo os protocolos establecidos e contando coa participación das familias e das asociacións de memoria histórica”.

O deputado respondeu ao portavoz do Partido popular, Alberto Pazos que é “un deber ético, político” e sobre todo “humanitario” dar luz verde a unha proposta pola que   moitas familias seguen agardando para ter a  oportunidade de poder recuperar “os restos dos seus país, nais ou irmáns”. Esta iniciativa, recalcou o nacionalista “non é a do BNG, é a iniciativa dos dereitos humanos, da ONU e de todas as persoas que pelexan en todo o mundo e no Estado español para facer xustiza e reparación”.

Por outra parte, o Partido popular vetou os puntos da iniciativa referidos á creación do banco de ADN dependende do Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA) para recoller mostras procedentes dos restos óseos de persoas procedentes das exhumacións,  iniciar o Plan de exhumación de foxas no ano 2019 e facer as achegas económicas necesarias para garantir a súa continuidade durante un período mínimo de 5 anos e colaborar coas iniciativas promovidas polo goberno do Estado e  comunidades autónomas nas que existan persoas galegas desaparecidas, nomeadamente co Proxecto de localización e exhumación das vítimas da Fuga de Ezkaba que promove o goberno de Nafarroa.

Na réplica, o deputado do BNG lamentou que o PP negándose a apoiar a totalidade da proposición non de lei  “peche a porta” a facer  “xustiza” con todas as vítimas do franquismo.