O BNG acada un acordo para que a etiqueta do mel indique o país de orixe

Mel
Mel

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas asegurou que o acordo parlamentario freará a importación de mel con menor valor nutricional e escasas garantías sanitarias

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas acadou hoxe un acordo, por unanimidade, na Comisión de Agricultura polo que o Parlamento galego  instará á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado  solicitando para a  etiquetaxe do mel unha indicación obrigatoria sobre  o país de orixe do produto e porcentaxes de mestura, no caso de proceder de diversos países, e se o produto foi sometido a un proceso de quecemento por riba dos 45º C.

Galiza, ao igual que o Estado español é deficitaria na produción de mel e  a lexislación europea é moi esixente nas condicións de cría das abellas e na obtención, manipulación, envasado e etiquetaxe do mel producido no seu territorio, sen embargo, explicou o nacionalista, a lei non é tan esixente  na regulación de importacións de meles e sucedáneos, etiquetaxe e comercialización.

Esta lexislación, engadiu, favorece a importación masiva e a baixo prezo de mel procedente de China e doutros países con menor valor nutricional e con escasas garantías sanitarias. Na  actualidade, as modalidades de etiquetaxe serven os intereses das grandes multinacionais e en contra de produtores e consumidores locais. En concreto pódese etiquetar mel de España, mel da UE, mel da UE e outros, e máis mel de fóra. En ningunha destas etiquetas é obrigatorio especificar porcentaxes nin procedencias de tal xeito que un tarro de mel de 1.000 grs. pode levar 999 grs. dun mel importado dun país de fóra da Unión e con levar 1gr. de mel de aquí xa toma carta de procedencia da Unión Europea.

Trala votación da proposición non de lei, o deputado do BNG agradeceu o apoio unánime á proposta nacionalista da que dixo, beneficiará a produtores  e consumidores galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG