O BNG acada o acordo da Parlamento para que galiza reciba as mesmas competencias que Catalunya e Euskadi

Luís Bará
Luís Bará

Policía galega integral e competencia de tráfico e seguridade vial peticións expresas da formación nacionalista, até agora vetadas por PP e PSOE

Bará lembra ao PP que na década de Goberno de Feixóo Galiza non conseguiu nin unha soa nova competencia do Estado, “cero patatero”

O BNG logra o apoio do Parlamento para incrementar o teito competencial de Galiza até equiparalo, cando menos, coas outra nacións sen Estado, dando luz verde a unha proposta transacionada apoiada por todos os grupos da Cámara.

O acordo establece “demandar do Goberno do Estado a convocatoria da comisión mixta de transferencias co obxecto de levar adiante todas aquelas competencias xa reclamadas contemplando tamén todas aquelas xa transferidas, reclamadas ou que se están negociando por outros territorios, co obxecto de que se equipar cos de maior teito competencial que son Euskadi e Catalunya”, explicou o portavoz nacionalista na Comisión Institucional, Luís Bará.

Bará valorou o apoio do PP, pero non por iso deixo de denunciar que durante a década de Goberno de Feixóo na Xunta e de Mariano Raxoi no Estado, Galiza non recibiu nin unha soa nova transferencia. “En materia de competencias o balance do PP é cero patatero, ese é o seu balance”, recalcou.

Non prosperou sen embargo a petición do Bloque de solicitar o desenvolvemento e cumprimento da Lei de policía galega integral de 2008, que incluía despregar até 2.400 efectivos en dous anos pero que, unha década despois da súa entrada en vigor, segue sen cumprirse, cun Feixóo que se conforma “co sucedáneo” da unidade adscrita de policía.

Xusto co cumprimento da Lei de policía, o BNG tamén solicitaba facer efectivo o acordo unánime do Parlamento galego polo que, mediante a aprobación dunha lei solicitou a transferencia das competencias de tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadán. Como xa é habitual nas forzas políticas estatais, indicou, volveron votar unha cousa na Cámara galega e outra no Congreso, “o PSOE votou aquí a favor e en contra no Congreso, pese a que a lei galega foi defendida en Madrid polo señor Leiceaga, e o PP abstívose, pese a intervención do señor Puy na  Cámara baixa”, denunciou Bará.

O deputado nacionalista criticou o cinismo do PP que tras unha década de ser colaborador necesario coa discriminación do Estado con Galiza “agora rachan as vestiduras” mentres miraban para outro lado e calaban  “mentres Raxoi anunciaba 4.000 M€ para Catalunya, unha choiva de millóns e o mesmo con Euskadi, e para Galiza aprobaba co consentimento de Feixóo o recortazo de investimentos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG