O BNG acada un acordo para abrir as pasarelas de evacuación da ponte de Rande

Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)
Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)

Luís Bará denunciou que tras 10 meses da apertura ao tráfico despois das obras na ponte de Rande, as pasarelas dos carrís laterais da ponte continúan ocupadas por maquinaria pesada que impide o seu funcionamento en caso de producirse unha emerxencia

A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará acadou o apoio unánime da comisión de Ordenación do Territorio e Obras públicas celebrada hoxe no Parlamento galego para abrir as pasarelas de evacuación  dos carrís externos da ponte de Rande, tras dez meses ocupados por maquinaria pesada.

O parlamentario saudou un acordo que permitirá a evacuación das persoas e vehículos atrapados nos carrís laterais no caso de producirse un accidente e reclamou que  o Ministerio de Fomento “inste á empresa concesionaria da AP-9 a continuar cos traballos de conservación  e mantemento  da ponte pero sen ocupar as vías de evacuación”.

Bará explicou que o BNG trasladou ao Parlamento galego as demandas das persoas usuarias afectadas pola falta de  seguridade dos carrís laterais ás que sumou ás das alcaldías do Morrazo que tamén esixiron a apertura das pasarelas de evacuación.

Para o deputado, abrir as vías é necesario é lóxico e anunciou que o BNG agarda que, tras este acordo unánime sexan tomadas as medidas precisas para a continuación das obras sen ocupar as pasarelas con maquinaria pesada.

Por outra banda, o nacionalista avanzou que o BNG participará na manifestación do vindeiro sábado, 6 de Outubro, organizada pola veciñanza de Chapela e Teis en defensa do cumprimento dos compromisos do Ministerio de Fomento sobre as obras de mellora de viais en Chapela, instalación de pantallas contra o ruído, urbanización de acceso a Vigo dende a AP-9 e  eliminación da peaxe entre Rande e Vigo.

Texto do BNG  aprobado por unanimidade: “O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza a demandar ao goberno do Estado a inmediata apertura e posta en funcionamento das pasarelas de evacuación dos carrís exteriores da Ponte de Rande.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG