O BNG abandona a comisión de investigación de sanidade porque o PP impón en solitario o seu plan de traballo

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado recrimina ao Grupo popular impedir ás comparecencias do persoal do PAC da Estrada, persoal de contratados e precarios, Povisa, persoal de ambulancias, investigadores, doentes, colexio de psicólogos e responsables de  mantemento de electromedicina para expoñer a súa experiencia e propostas

O BNG abandona a comisión de investigación de sanidade porque o PP impón en solitario o seu plan de traballo

O BNG abandonou hoxe, de maneira permanente, a Comisión de investigación sobre os recortes no sistema sanitario solicitada pola oposición e ante a decisión do Partido popular de impoñer e  aprobar en solitario o plan de traballo  impedindo as comparecencias  do persoal do PAC da Estrada trala morte dunha persoa nos corredores de urxencias por falta de un médico no centro, traballadores da sanidade contratados e precarios, persoal do centro sanitario POVISA, persoas investigadoras, doentes, responsables do colexio de psicólogos e do mantemento de electromedicina.

Para a portavoz de sanidade do BNG e membro da comisión de investigación, Montse Prado, hoxe o Partido popular tentou trasladar á cidadanía que existe un regulamento na Cámara galega democrático que permite á oposición crear unha comisión de investigación pero en realidade, “o PP non acredita neste sistema” e acabamos de comprobar como na primeira reunión da comisión para investigar os recortes en sanidade, o grupo maioritario convértea “nun fraude e nunha burla” impoñendo o seu plan de traballo e “escollendo  só as  comparecencias que lle interesan” das  presentadas pola oposición.

Dende o BNG, dixo a deputada, “non imos introducir as propostas que lle gustan ao Partido popular” porque nós xa propuxemos as persoas e entidades afectadas polos recortes e son eles os que deben falar nesta comisión, non as persoas elixidas exclusivamente polo PP. Prado cualificou de “gravísimo, antidemocrático e humillante ” o acontecido na comisión de investigación no só para as forzas da oposición senón tamén para un gran número de persoas que confiaban e mantiñan a esperanza na comisión para “deitar luz sobre a sanidade pública”.

A parlamentaria do BNG lamentou que o Grupo popular vetara a comparecencia de moitas das persoas escollidas pola oposición afirmando que non aportarían nada ao que Prado replicou que precisamente “son esas persoas as que deben ser escoitadas e tomar nota das súas propostas”.

O BNG, explicou considerou dende o primeiro momento que esta comisión era necesaria para analizar a actual situación da sanidade pública galega, e hoxe constatamos como “ o Partido popular, novamente impide que as persoas que padecen os recortes sanitarios poidan aportar a súa experiencia no Parlamento galego. O Partido popular impide que compareza algunha  persoa do PAC da Estrada, obxecto de investigación trala morte dunha persoa, ninguén dos PACs que permanecen en folga pola falta de medios materiais e humanos, tampouco ningún representante das urxencias extra hospitalarias, do 061, ambulancias, central e coordinación nin celadores e celadoras nin persoal de enfermería, colectivos que o Partido popular non considera necesario que comparezan”.

Prado afirmou que o interese do PP non é outro máis que “agochar a súa folla de ruta” na externalización e privatización do servizo sanitario galego e por iso “amordazan ao Parlamento e as forzas da oposición” impoñendo un plan de traballo sesgado coa pretensión de vender “transparencia”  que en realidade é “un fraude democrático e un lavado de cara”.

A deputada anunciou que o BNG nas condicións impostas polo Partido popular abandona a comisión de investigación para non participar “nun trágala” que só interesa ao PP. O BNG, reiterou non vai ser “cómplice” dos vetos e imposicións do Partido popular, concluíu.