AUDASA debe ser sancionada por ter atrapado a miles de galeg@s nas peaxes

 peaxes 2

O BNG demanda que AUDASA sexa sancionada polo prexuízo ocasionado a miles de galegos e galegas que esta fin de semana sufriron atascos kilométricos en diversas peaxes desta vía, ao incumprir a empresa, unha vez máis, as condicións da concesión que establece a obrigatoriedade de abrir as barreiras cando as retencións superen os dous kilómetros.

“Non é a primeira vez que a empresa incumpre esta obriga por razóns de puro lucro, exclusivamente para facer caixa, nunha clara burla aos usuarios e usuarias que asisten impotentes á reiterada vulneración das condicións da contrata sen que pase nada”, denuncia a portavoz parlamentaria de infraestruturas, Ana Pontón. “Pensa facer algo a Xunta en relación a estes atascos na AP-9?”, interpelou Pontón á nova conselleira de Infraestruturas na súa primeira intervención en pleno.

O BNG considera urxente tomar medidas, e Pontón avanzou que o BNG presentará iniciativas, tanto aquí como no Congreso, para que o Goberno central impoña a correspondente sanción a AUDASA.

“É hora de que tanto a Xunta como o Executivo central se comporten como representantes públicos en defensa do interese xeral en lugar de actuar como delegados da empresa”, demandou Pontón, quen subliñou que situacións como as vividas por miles de usuarios “atrapados” nas peaxes da AP-9, son un novo argumento para reclamar a súa titularidade pública.

Neste sentido, o BNG insiste na súa demanda de iniciar un proceso de rescate para a xestión pública destas vías de alta capacidade, coa finalidade última de que sexan integradas na rede viaria galega e acadar a súa gratuidade para o usuario que, como contribuínte, xa sufragou o custe de construción destas infraestruturas.

Máis cara e peor servizo

No caso concreto da AP-9, -cuxas tarifas figuran entre as máis caras de todo o Estado-, a súa xestión privada en mans de AUDASA ata o 2048 tras ampliación decretada polo Goberno do PP que presidía Aznar, duplicou as tarifas entre A Coruña-Vigo desde 2003, pasando de 10,28 a 15,35€, pese a que esta vía está amplamente amortizada, tal como reflicten os multimillonarios beneficios da empresa concesionaria que ascenden a 275 millóns de euros só desde 2008.

Desde 2007, ano anterior á crise, as tarifas do conxunto das autoestradas galegas subiron un 32%, pese a ser, na maior parte dos casos, a única alternativa para desprazarse para miles de persoas que cada día se teñen que desprazar por razóns laborais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG