Ana Pontón

Asombra que Feixóo estea contento cunha reunión con Pedro Sánchez na que non logrou nada novo para Galiza

Entrevista Radio Galega
Entrevista Radio Galega

Feixóo trasladou a imaxe dun presidente “desganado e mesmo aburrido” sen ambición política para defender os intereses do país, recalca

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu “asombro” pola satisfacción do presidente da Xunta tras un encontro co presidente do Goberno central do que non saíu ningún avance para Galiza, máis aló de confirmar os compromisos que  xa existían.

“Teño que admitir o meu asombro porque o señor Feixóo se declare encantado cun encontro onde non houbo ningún avance, nin conseguiu nada novo para Galiza, pero está satisfeito simplemente porque Sánchez lle dixo que se ía facer o que estaba previsto facer. Pois só faltaría que o novo Goberno anunciara incumprimentos nos xa raquíticos compromisos orzamentarios”, alegou.

Pontón tamén trasladou a súa preocupación porque o xefe do Executivo considere “un gran logro” que Moncloa manteña a data de chegada do AVE a Ourense, conformándose con que non  haxa novos retrasos nunha alta velocidade que chega máis de 20 anos tarde. “Ese é o listón do presidente da Xunta para os galegos e as galegas!”, lamentou.

A dirixente do Bloque cualifica o encontro de “fiasco”, ademais de mostrar un Feixóo falto de ambición. “Deu a imaxe dun presidente desganado e mesmo aburrido, sen iniciativa política para defender unha axenda de país ante o Goberno do Estado”, recalcou.

A conclusión da reunión, sintetizou Pontón, é que os galegos e as galegas seguirán soportando a estafa das peaxes mentres se arrefría a transferencia da AP9, que 22.000 persoas dependentes seguen á espera do 180 M€ que debe o Estado e que nada se avanzou para conseguir un sistema de financiamento que permita blindar os servizos públicos e subir as pensións, as segundas máis baixas do Estado.

“Por contra, Sánchez anunciou hoxe mesmo unha quita á débeda das comunidades autónomas que exclúe a Galiza”, recalcou. E nada tampouco sobre a devolución do Pazo de Meirás, pese ao seu simbolismo democrático, e a ser unha reclamación unánime do Parlamento.

“A reunión mostrounos un Feixóo sen ambición de país e abriu a porta a un escenario no que se consolida a discriminación do Goberno do Estado con Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG