Aprobada a iniciativa do BNG para reducir o IVE de produtos de hixiene íntima feminina

Hixiene feminina

O acordo parlamentario recolle a redución do IVE ao 4%, un informe do Goberno galego para o seu cumprimento e que a Xunta promova información sobre alternativas como a copa menstrual

O BNG acadou hoxe un acordo, “por unanimidade”, para reducir ao 4% o IVE dos produtos de hixiene íntima. Ademais, o texto  tamén recolle o compromiso da Xunta para promover información sobre alternativas como a copa menstrual e un informe do Goberno galego sobre o grao de cumprimento do acordado hoxe na comisión de Economía.

Na defenda da proposta nacionalista, a deputada do BNG, Noa Presas explicou que os impostos indirectos na transacción comercial, como é o caso do IVE, repercute en todas e cada unha das persoas consumidoras independentemente da súa capacidade económica. Para o BNG resulta “ilóxico” que “produtos para a hixiene íntima como as compresas ou os tampóns teñan un prezo tan elevado e cun mesmo IVE que por exemplo, un ramo de rosas”, dixo.

A menstruación é un proceso fisiolóxico que acompaña a metade da poboación  do mundo, unha media de tres décadas na nosa vida. Polo tanto, “nunha sociedade avanzada, ter produtos para facer máis cómoda esa fase vital debería ser unha cuestión de primeira necesidade”.

Para a deputada resulta unha dobre discriminación para as mulleres mercar estes  produtos  tendo  en conta a súa  situación económica e laboral  e cunha  fenda nos salarios de 4.745 euros menos ao ano ademais dunha  “maior temporalidade, parcialidade e precariedade laboral”.

“Estímase que cada muller gasta na súa vida 8.000 euros neste tipo de produtos” polo que resulta urxente  desde o Parlamento Galego e a Xunta de Galiza exixir ao Goberno central unha rectificación que, neste momento económico de aumento da recadación, debera ser posta en práctica sen máis dilación.

Por outra parte,  existe unha falta de promoción de alternativas como por exemplo  a copa menstrual, “cun  menor custe e maior duración”, polo que propuxo que nos servizos informativos da Xunta se informe da súa existencia, xa que hai unha falta de información importante e todas as persoas deberan ter esa información para despois escoller a fórmula máis acaída.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG