Aprobada a iniciativa do BNG para incluír cláusulas de igualdade nas empresas vinculadas coa administración

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas alegou que hai que pasar das palabras ao feitos e lembrou as demandas das mulleres galegas no 8M contra “a desigualdade, a fenda salarial, o machismo e todas as formas de violencia de xénero”

Aprobada a iniciativa do BNG para incluír cláusulas de igualdade nas empresas vinculadas coa administración

A deputada do BNG, Noa Presas, a través dunha proposición non de lei, defendeu hoxe no Parlamento galego “incorporar cláusulas de igualdade na contratación pública”. A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade.

Na defensa da iniciativa do BNG, Presas afirmou que as cláusulas de igualdade supoñen “un salto cualitativo” e un avance para impedir que empresas como as vinculadas ao telemárketing que ofrecen   servizo á Xunta de Galiza penalicen ás traballadoras por conciliar, obrigándoas a que o cambio de horario implique redución de xornada ou que as  traballadoras da limpeza de edificios administrativos, teñan que convocar unha folga e estar ano e medio mobilizándose para acabar cunha  fenda salarial que segundo a Enquisa do INE,  as mulleres cobran unha medida de 5.479 euros menos que os homes ao ano.

O texto defendido pola deputada do BNG, inclúe  designar unha comisión responsable para o seguimento do cumprimento das cláusulas de igualdade, definir e aprobar, no prazo de 6 meses, o proceso para a súa implantación así como elaborar e remitir á Cámara galega un informe anual da implantación progresiva e impulsar as modificacións legais para blindar a obrigatoriedade da inclusión deste tipo de cláusulas na contratación pública.

DEMANDAS FEMINISTAS CONTRA A DESIGUALDADE

A parlamentaria lembrou que o pasado 3M en Lugo e o 8M en toda Galiza, miles de mulleres demandaron nas rúas medidas contra a desigualade, o machismo e todas as formas de violencia de xénero . Temos que “pasar das palabras aos feitos”, e as mobilizacións do 8M merecen unha resposta institucional.

Neste sentido, apostou por explorar novas posibilidades fronte  “as receitas que sostén o patriarcado” porque, dixo, as mulleres galegas queremos “igualdade e querémola xa”.

Para a deputada, “o sector público debe ser o espello para o  sector privado e ten a responsabilidade de ser vangarda impulsando os cambios que a sociedade lle exixe”. Hoxe, reiterou Presas, damos un pequeno paso adiante e agora toca comprobar que os acordos parlamentarios non son “papel mollado”. Demandamos unha  contratación responsable nun modelo de contratación pública que condiciona a vida da cidadanía, os  dereitos sociais, as relacións laborais e tamén a calidade do traballo por iso é tan necesario introducir “cláusulas de igualdade” neste ámbito, concluíu.