Apoio unánime da Cámara á proposta do BNG para avanzar na implantación do grao de criminoloxía na USC

Olalla Rodil en comisión parlamentaria
Olalla Rodil en comisión parlamentaria

Ollala Rodil defendeu unha proposición non de lei para implantación oficial do Grao tras as denuncias da situación “discriminatoria” de Galiza  a respecto doutros territorios do Estado que ofertan a titulación

A proposición non de lei nacionalista instando á Xunta a apoiar a implantación da titulación oficial de Grao en Criminoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, acadou o apoio unánime  da Comisión de Cultura celebrada no Parlamento galego trala presentación dunha emenda do grupo popular ao texto do BNG.

A deputada Olalla Rodil lembrou que tras diversos cambios lexislativos que permiten a implantación destes estudos con carácter de Grao en Criminoloxía a Secretaria Xeral de Universidades rexeitou esta posibilidade de maneira reiterada dende o ano 2012 aínda que esta disciplina, afirmou, mantense como titulación propia da Universidade  que contrasta coa decisión adoptada por outros territorios no que foi implantada con carácter de Grao oficial no ano 2013 e na actualidade  xa son “trinta universidades”, tanto privadas como públicas, ás que ofertan a titulación.

Olalla Rodil recalcou que este Grao abre grandes posibilidades  e non só para as forzas e  corpos de seguridade e aplaudiu “a voz unánime da Cámara para seguir presionando  para instar á Xunta de Galiza a admitir a trámite poder aprobar a oficialización do título de Criminoloxía”.

O Grao de Criminoloxía, dixo Rodil, debe figurar no novo Mapa Universitario e dende o BNG seguiremos moi de preto que se inclúa. No mes de outubro coñeceremos o novo Mapa e constataremos se  e os acordos do Parlamento “son ou non papel mollado”.

Para Galiza, dixo, é moi importante contar con esta titulación, “abre abanos profesionais que abranguen a campos como o de vitiminoloxía nos casos de violencia machista ou  traballos de reinserción nos centros penitenciarios”. Urxe, polo tanto,  “equiparar ao alumnado galego  co do resto do Estado español para ofrecer á poboación e á administración pública unha formación e profesionalidade en moitos ámbitos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG