Ana Pontón: “Xunta e goberno Central teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás”

Ana Pontón
Ana Pontón

Cualifica de “inasumible” o auto que permite aos Franco baleirar Meirás espoliando os bens do pazo declarado Ben de Interese Cultural e pide as administracións que actúen para impedir o saqueo

Demanda do goberno do Estado un novo recurso para defender a  titularidade pública dos bens mobles, incoar de maneira urxente o procedemento para incluír no BIC Torres de Meirás dos bens mobles e garantir a súa unidade e integridade

Ana Pontón: “Xunta e goberno Central teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou  de “inasumible”, en termos democráticos, o auto da Audiencia provincial que permite á familia Franco “baleirar o Pazo de Meirás”, un ben declarado de Interese Cultura e afirmou que “ a Xunta e o goberno Central teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás.”

O auto, dixo a nacionalista, ven a dicirnos que  biblioteca de Pardo Bazán, o mobiliario da época, as estatuas do Pórtico da Gloria de Isaac e Abrahan, así como numerosos bens inventariados e con acreditado carácter público, son propiedade da familia Franco, “un despropósito” reiterou Pontón.

Nesta  situación, urxe reaccionar e denunciar que estamos ante “unha xustiza ao revés” e diante dun auto trufado de “valoracións  e expresións incompatibles coa sensibilidade democrática e respecto á dignidade das vítimas do franquismo”.

Para portavoz do BNG, as últimas dúas  sentenzas da Audiencia Provincial representan “unha anomalía democrática do Estado español”. Estamos, dixo,  pagando a factura dunha transición que “legalizou o franquismo, branqueou a Ditadura, instaurou a impunidade dos crimes,  permitiu que a familia do Ditador gozase de todo tipo de honras, prebendas e privilexios”. Os pozos negros da transición, remarcou Pontón  “seguen botando por fóra”.

Por decencia e dignidade democrática, engadiu, débese aprobar unha lexislación que derrogue a lei de amnistía, ilegalice o réxime franquista, permita esixir responsabilidades e pedir contas polos crimes e  roubos.

Pontón anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego, con urxencia, tres propostas para demandar ao goberno do Estado  un  novo recurso en defensa da titularidade pública dos bens mobles que deben formar parte do BIC, necesarios para explicar a súa historia, como parte integrante e inseparábel do conxunto e  de titularidade ou de dominio público.

O BNG reclamará á Xunta,  adoptar todas as medidas previstas na lexislación, incluíndo medidas cautelares e urxentes, para garantir a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás co fin de  impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista. E, neste sentido, advertir á familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado.

Neste sentido, aseverou que resulta “unha burla” que a Xunta só queira  protexer as estatuas do mestre Mateo e as obras da biblioteca de Pardo Bazán.

O BNG tamén instará ao goberno galego a incoar de maneira urxente o procedemento para a inclusión no BIC Torres de Meirás dos bens mobles que pola súa vinculación co inmoble forman parte inseparábel del, así como a aplicación provisional a estes bens mobles do réxime de protección previsto para os bens de interese cultural.

Nesta liña indicou que “as institucións galegas non poden permanecer impasíbeis diante dunha nova afronta e dun paso atrás no camiño da recuperación plena de Meirás” porque o  proceso para a devolución do Pazo, vai máis alá de  recuperar un edificio, “trátase de restituír a verdade, facer xustiza e reparar a memoria das persoas que sufriron a represión franquista”.

Para a portavoz nacional do BNG, estamos ante unha  batalla simbólica e unha loita pola dignidade colectiva, que se resolverá definitivamente cando se “recuperen todos os bens espoliados,  se expulse definitivamente o franquismo de Meirás e de Galiza, e se faga unha verdadeira reparación, simbólica e material, das persoas que sufriron o terror e o espolio”.

 

Ana Pontón: “Xunta e goberno Central teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás”