Xerais 2019

Ana Pontón: “O voto ao BNG defende Galiza e dispútalle escanos á dereita carca e antigalega de Vox e Ciudadanos”

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

Atribúe ás amizades perigosas de Feixóo que Arousa sexa máis coñecida pola serie Fariña que por ser unha ría potencia pesqueira e marisqueira

Carme da Silva defenderá no Congreso a transferencia dos portos de interese xeral 

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu no mitin de Vilagarcía o voto para o BNG apelando á dobre utilidade de escoller a papeleta nacionalista pois é garantía de defensa sen ataduras dos intereses dos e das galegas e, ao mesmo tempo, é o voto que vai permitir frear á dereita “carca e antigalega” porque o Bloque está disputando escanos a Vox e CDs polas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Pontón lanzou esta mensaxe tras denunciar os novos ataques “mafiosos” á candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, polo seu papel de abanderada no empeño do BNG de trasladar ENCE fora da Ría de Pontevedra. “O voto ao BNG é garantía na defensa deste país e tamén impedirá que a dereita  de CDs e Vox entren en Galiza conseguindo os escanos que o BNG está disputando con esa dereita rancia, carca e antigalega”, salientou.

A líder nacionalista proclamou que Galiza precisa  ser decisiva no Estado para evitaro outros catro anos “discriminación é agravio” por parte das forzas estatais, dun signo e doutro, como demostrou o PP primeiro e PSOE despois co apoio de En Marea-Podemos cos recortazos nos orzamentos do Estado e co veto á AP9.

Ana Pontón“E para iso temos que ser decisivos no Estado da man do Bloque o 28A, estar na política estatal con voz propia como están as vascas, os cataláns, os valencianos, os canarios. Non podemos ser os únicos excluídos e silenciados, desaparecidas da axenda estatal como nesta lexislatura”, explicou.

A importancia de ter unha forza política propia que defenda os intereses da súa xente volveu demostrala o PNV conseguindo para Euskadi en 24H a transferencia da AP68, que PP e PSOE levan dez anos vetando a transferencia da AP9. “Pódese con forzas propias, pódese con poder político sen ataduras, pódese con BNG”, proclamou.

No corazón da ría de Arousa, a portavoz do Bloque comprometeu o apoio dos deputados e deputadas ao sector pesqueiro e marisqueiro da que é a ría “máis rica do planeta”, pero que fora de Galiza é máis coñecida pola súa vinculación ao narcotráfico, un feito do que responsabilizou ás “amizades perigosas” do PP.

“Fora de Galiza, sabedes por que é famosa esta ría? Por Fariña, esa serie de televisión sobre as conexións do PP co narcotráfico, porque ao lado de Oubiña, Miñanco ou Charlín aparecían ilustres nomes do PP, aparecía tamén o un expresidente recentemente homenaxeado por Feixóo”, salientou, recordando tamén “as amizades perigosas” do presidente da Xunta con Marcial Dorado, ou do expresidente Raxoi subido ao barco do tamén narcotraficante Daniel Baúlo.

Un PP dopado co narcotráfico

“Esta é a aportación do PP a Cambados, a Vilagarcía, á Illa, que esta ría sexa máis coñecida pola fariña que por ser a máis produtiva do planeta grazas a un PP que estivo dopado co diñeiro do narcotráfico”, denunciou.

Para darlle a volta, o BNG defenderá no Congreso o que realmente lle importa a unha comarca pesqueira e marisqueira, reclamando para Galiza o status de zona altamente dependente da pesca, -o que permitiría ter máis fondos da UE e máis cota de pesca-, reclamando unha aplicación flexible da normativa de descartes, un convenio colectivo para o sector do mar e preservando a denominación de orixe e a trazabilidade dos produtos galegos como o mexillón.

Demandas da comarca

Pola súa parte, Carme da Silva, solicitou a transferencia a Galiza de todos os portos de interese xeral do país e indicou que “non poden dicirnos en Madrid, 500 quilómetros cara ao interior como se deben xestionar os nosos portos”. Tamén fixo referencia á pesca e destacou que “o BNG defenderá este sector en Madrid con voz forte e firme” presentando iniciativas parlamentarias contra “o saqueo e roubo” que supoñen as normativas estatais e europeas que a día de hoxe deixan á frota amarrada coas cotas que impoñen.

A candidata criticou o estado das infraestruturas viarias na comarca do Salnés. Subliñou que a M-640 entre Caldas e Vilagarcía sufre un gran problema de “violencia viaria” polo seu estado de mantemento e tamén pola carga de tráfico que soporta,e indicou que é preciso asumir as transferencias en materia de tráfico, seguranza viaria, e infraestruturas.

Da Silva indicou que os orzamentos e os investimentos do Estado teñen pasado nos últimos anos “de puntillas” polas necesidades do Salnés e subliñou que “é un problema de competencias e tamén de incompetentes”, en referencia aos gobernos do PP e do PSOE co apoio de En Marea-Podemos, que non incluíron na súa axenda as necesidades da veciñanza. “Só o BNG poderá levar as demandas da comarca ao Congreso porque as coñece e pode defender con mans libres os intereses locais fronte ás forzas estatais “que deben lealdade a Madrid”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG