Ana Pontón volve pedir un confinamento de dúas semanas para frear a cadea de contaxios ante o descontrol da pandemia

Ana Pontón
Ana Pontón
Con cifras de persoas infectadas nunca vistas en Galiza, demanda á Xunta e ao Goberno español que poñan en marcha esta medida, “dura, pero eficaz para salvar vidas”
Ana Pontón volve pedir un confinamento de dúas semanas para frear a cadea de contaxios ante o descontrol da pandemia

Ante a escalada de contaxios, que acada cifras de persoas infectadas pola COVID inéditas en Galiza, a portavoz nacional, Ana Pontón, volve pedir un confinamento de dúas semanas como medida contundente para frear a cadea de contaxios e salvar vidas, e insta á Xunta e ao Goberno español que activen unha medida “dura” pero que se ten demostrado eficaz contra o virus.

“Goberno español e Goberno galego deben poñer en marcha a única medida que sabemos que é eficaz para frear a cadea de contaxios como é o confinamento, que desde o BNG propoñemos sexa de quince días,  que permita baixar unhas cifras que mostran o descontrol do virus”, demandou a líder nacionalista desde Ferrol, onde mantivo un encontro de traballo con responsables municipais de todos os concellos da comarca.

“Sabemos que é unha medida drástica que a ningún goberno lle gusta tomar pero que é eficaz para conter a pandemia e, polo tanto, para salvar vidas”, recalcou.

A portavoz nacional do BNG fixo fincapé na responsabilidade dos Gobernos español e galego “de poñer por diante a vida das persoas, porque a súa máxima obriga é protexer á poboación e non entendemos como á vista da evolución da pandemia non se toma unha decisión deste tipo que, evidentemente, non é fácil, ninguén quere tomar porque a ninguén lle gusta poñer sobre a mesa un confinamento, pero é a medida máis eficaz para poder salvar vidas, preservar a saúde e preservar a economía”.

O confinamento debe acompañarse, alegou, das necesarias axudas económicas para cubrir aos sectores que máis sufrirían cun confinamento e que xa están tendo un impacto moi importante coas actuais restricións. Pontón, insistiu en subliñar a falaz dicotomía entre economía e saúde, “porque non haberá recuperación económica mentres non se controle a pandemia”.

Pontón xa propuxo este mesmo luns un confinamento de dúas semanas no caso de que a evolución dos datos non demostrasen un control da curva de contaxios de xeito inmediato pero, lonxe de ser así, nos últimos días as cifras non fixeron máis que aumentar tanto en termos de persoas infectadas, como hospitalizacións, ocupación de UCIs e falecementos. Razón pola que o BNG volve a solicitar a ambos gobernos un confinamento.

Ana Pontón volve pedir un confinamento de dúas semanas para frear a cadea de contaxios ante o descontrol da pandemia