Ana Pontón visita a Ribeira Sacra e pide axudas directas para os viticultores afectados polas xeadas

Ana Pontón e Olalla Rodil na Pobra do Brollón
Ana Pontón e Olalla Rodil na Pobra do Brollón
  • Aplaude a política social do Goberno local da Pobra do Brollón que mellora a calidade de vida dunha veciñanza moi envellecida
  • Expón en  Monforte o sistema de financiamento do BNG que, no caso deste concello, aportaría uns recursos adicionais de 950.000 euros

A portavoz nacional, Ana Pontón, iniciou na Pobra do Brollón a súa intensa xornada de traballo en distintos concellos da Ribeira Sacra onde anunciou que vai pedir a comparecencia da conselleira de Medio Rural para que explique as medidas da Xunta en relación aos danos causados polas xeadas nos sector vitivinícola, e avanzou que o BNG volverá levar ao Parlamento a solicitude de axudas directas para os produtores e produtoras afectadas.

“Non é de recibo que a máxima responsable das políticas de agricultura do Goberno se despache dicindo simplemente que o que é asegurable non é subvencionable, ademais dunha falta de respecto co sector, convén lembrarlle á conselleira que en campaña electoral o PP si puxo en marcha axudas”, criticou Pontón durante a visita a Pobra do Brollón.

Ao Bloque “non lle vale”, dixo, que a Xunta se quede en refinanciar créditos “porque ao final estamos alimentando o negocio da banca, pero non solucionamos o problema dos produtores”. Pontón lamentou que no pleno celebrado onte no Parlamento galego “todos os deputados e deputadas do PP votasen en contra dunha liña de axudas directas a un sector que é vital para esta comarca e para o conxunto do país”. O BNG vai seguir demandando esas axudas directas, recalcou, nesta xornada que tamén inclúe coñecer in situ no concello de Quiroga algúns dos viñedos danados.

Na visita institucional ao concello da Pobra, a dirixente nacionalista puxo en valor a “intensa política social” que está a desenvolver o Goberno municipal que lidera o rexedor José Luís Maceda, á que destina o 24% do seu orzamento, máis de 400.000€. “Poucos concellos en todo o país teñen un investimento por habitante tan elevado adicado a mellorar a vida da súa veciñanza”, subliñou, “unha cuestión especialmente relevante nunha vila cunha poboación moi envellecida na que o 43% dos seus habitantes superan os 70 anos”.

Pontón tamén destacou a revitalización social e cultural que se está levando a cabo desde o goberno local con eventos como o festival As cores do outono ou a Feira do viño de Vilachá en adegas centenarias do concello. E todo isto sen apoio algún da Xunta que, como denuncia o equipo municipal, “non ten ningún investimento propio na Pobra do Brollón”.

Dentro desta xornada na Ribeira Sacra, a portavoz nacionalista participa nun acto público en Monforte para explicar o sistema de financiamento autonómico que propón o BNG para acabar co actual modelo que discrimina a Galiza. O concerto económico que defende o Bloque permitiría ingresar nas arcas autonómicas 3.500 millóns de euros adicionais cada ano, “cos que poderíamos blindar os servizos públicos e a política social ou desenvolver os sectores produtivos do país”, avanzou Pontón.

Concerto económico

O concerto económico tamén melloraría o financiamento dos concellos que, a día de hoxe, reciben do Estado 50 euros menos por habitante ca media estatal. “No caso concreto de Monforte supón que cada ano perde 950.000 euros, case un millón de euros, que permitiría financiar servizos, infraestruturas e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

No acto público participan tamén a portavoz municipal monfortina Pilar López e o economista Xosé Díaz, autor do libro As contas que non nos contan. “Para o BNG é prioritario lograr un novo modelo de financiamento xusto, que nos permita a xestión total dos nosos recursos e establecer as prioridades de gasto adaptadas a nosa realidade e que o Estado deixe de facer caixa no noso país”, explicou.

Neste sentido, Pontón denuncia que mentres os orzamentos do Estado recollen un recortazo de 442 millóns de euros nos investimentos en Galiza en 2017, aumente o gasto militar. “A chave dos nosos cartos temos que tela os e as galegas e non Montoro”, concluíu, “se queremos poñer fin a esta distribución arbitraria do gasto e priorizar as necesidades do noso país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG