Ana Pontón visita a escola infantil “O Bosque” en Ames e pon en valor o modelo educativo e de conciliación do BNG no concello

Escola Ames
Escola Ames

Afirma que “O Bosque” é un exemplo da xestión do BNG para dotar de servizos públicos aos concellos

Como candidata á presidencia da Xunta, comprometese a priorizar a conciliación e corresponsabilidade dende o novo goberno  

Ana Pontón visita a escola infantil “O Bosque” en Ames e pon en valor o modelo educativo e de conciliación do BNG no concello

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou hoxe a escola infantil “O Bosque” no concello de Ames acompañada polo portavoz municipal, David Santomil, concelleiros e concelleiras  e membros da organización da comarca.

Na visita da líder do BNG ao centro infantil de Ames, a directora da escola municipal, Emilia Seara explicou o modelo de funcionamento no ciclo de 0 a 3 anos destacando as vantaxes para a conciliación a través dun servizo de calidade para as  crianzas.

Pontón afirmou ante os medios de comunicación, que a súa recente maternidade convenceuna aínda máis da necesidade de contar con servizos que potencien a “conciliación e corresponsabilidade” para facilitar a homes e mulleres desenvolver as súas responsabilidades familiares e laborais. Neste sentido, cualificou de “década perdida de Feixóo” por non  atender a crecente demanda neste ámbito. “Dez anos perdidos nos que o Partido popular non apostou por unha rede pública” pero  cinco de abril, dixo, temos a oportunidade para facer da conciliación e corresponsabilidade un dos eixos de actuación do próximo goberno. Como candidata á Presidencia da Xunta, recalcou Pontón, a vindeira lexislatura debe apostar pola conciliación e servizos públicos de calidade e anunciou que a oferta do BNG será que a etapa de 0 a 3 anos debe incluírse no servizo educativo con prazas para cubrir a totalidade da demanda e de maneira gratuíta  para que todas as persoas teñan acceso, independentemente dos seus recursos.

Contar con escolas infantís gratis dentro do ensino e prazas suficientes, será “unha prioridade política” para o BNG, reiterou Ana Pontón.

O 5A o BNG quere abrir “un tempo novo para Galiza” e deixar a tras a “nefasta década” de gobernos submisos a Madrid

 Por outra parte, considerou que a crise demográfica en Galiza cada vez é maior e incrementar as crianzas implica máis servizos públicos e  políticas eficaces pola igualdade. Como candidata á presidencia da Xunta, aseverou Pontón, “comprométome” a poñer en marcha esas medidas.

O cinco de abril temos que “abrir un tempo novo para o noso país” e  dende o BNG ofrecemos un proxecto sólido a todos os galegos e galegas e unhas candidaturas de “excelencia” que serán aprobadas nos vindeiro días pero sobre todo, convencidas e convencidos de que   deixaremos a tras a “nefasta década do Partido popular”. O BNG é unha organización unida e cun proxecto de país que quere desterrar tantos gobernos “submisos a Madrid” que son “un moi mal negocio para Galiza”.

Pontón sinalou que o BNG está a alza e recuperando cada día máis apoio electoral  grazas ao “bo facer” da organización baseado nun  traballo  rigoroso e sempre pensando no benestar das persoas, un traballo, recalcou a portavoz nacionalista que poñemos en práctica  nos concellos nos que gobernamos. O cinco de abril, tamén podemos cambiar o rumbo político e o BNG quere liderar “ese tempo novo”.

 

Ana Pontón visita a escola infantil “O Bosque” en Ames e pon en valor o modelo educativo e de conciliación do BNG no concello