Ana Pontón ve na reunión Feixóo-Ábalos a antesala dunha estafa á Coruña: “por que se condona a débeda a Valencia e aquí non?”

Anuncia ofensiva do BNG porque é cuestión de vontade política encontrar unha solución que evite unha nova discriminación PP-PSOE con Galiza

Os terreos do porto interior deben pasar á cidade para levar a cabo a transformación da fachada marítima en función dos intereses da Coruña

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o encontro entre o presidente da Xunta o ministro de Fomento non só foi un “fiasco”, senón que augura unha nova discriminación con Galiza e en particular coa Coruña toda vez que, lonxe de asumir a débeda do Porto, volve poñerse sobre a mesa o pago con cargo aos terreos interiores da dársena, noutras palabras, con cargo ao patrimonio da cidade.

“Todo fai pensar que PP-PSOE están preparando unha traizón a esta cidade, unha auténtica labazada na cara dos coruñeses e das coruñesas como sería obrigarlles a pagar a débeda do Porto por unha obra do Estado coa venda dos terreos interiores. Isto sería, e o digo con todas as letras, unha auténtica estafa á cidade da Coruña”, denunciou Pontón nun encontro co portavoz municipal, Francisco Jorquera, e outros responsables políticos do BNG.

Unha estafa, alegou a líder nacionalista, que conta coa complicidade do xefe do Executivo galego, “que nin se molestou en reclamarlle ao Estado que asuma os 200 M€ da débeda, mentres que non tivo ninguén problema en asumir os 350M€ do Porto de Valencia”. Un agravio que demostra, unha vez máis, que as forzas estatais sempre están dispostas a “negarlle” a Galiza o que conceden a outras CCAA.

“O que se preguntan os coruñeses e as coruñesas e por que Valencia si e A Coruña non? Por que PP e PSOE consideran que a veciñanza desta cidade é menos e pode ser discriminada apropiándose do seu patrimonio?”, interpelou, ao tempo que pedía a Goberno central e galego que deixen de lado “as escusas de mal pagador”, porque o único que se require para non discriminar A Coruña “é vontade política de buscar unha solución como se fixo con Valencia, se hai vontade política haberá solución xurídica para condonar a débeda”.

A portavoz do Bloque lembrou que mentres para o Porto da Coruña as forzas estatais daban luz verde ao “acordo da vergoña” de 2004, o Estado facía investimentos millonarios nos portos de  Xixón, Valencia, Barcelona ou Bilbao, por valor de 5.000 M€.

                                    Tras o encontro Feixóo-Abalos, PP-PSOE sentan as bases para volver ao punto de partida cunha proposta que sería unha “auténtica estafa”, pois obriga á Coruña a pagar  Punta Langosteira pese a ser unha obra estatal pensada, para  máis inri, como compensación polo Prestige.

Fronte a iso, indicou Pontón, o BNG “mantén a posición que sempre defendeu: o Estado ten que asumir a débeda, como fixo en Valencia, e os terreos interiores da dársena deben pasar á cidade cando deixen de ter usos portuarios, para acoller  infraestruturas públicas e servizos a favor da maioría social e, en definitiva, aproveitar a gran oportunidade de poder transformar a fachada marítima e deseñar a Coruña das próximas décadas”.

Para cando no BOE a conexión ferroviaria?

A portavoz do Bloque tamén puxo o foco na conexión ferroviaria co porto exterior, reclamando a licitación inmediata dunha obra que, non só leva anos de atraso, senón que ademais ten a punto de caducar a declaración de impacto medioambiental, o que suporía unha demora adicional de varios anos inaceptable.

“É incomprensible que se programase unha infraestrutura millonaria sen conexións, porque implica restarlle unha competitividade que lastra o seu funcionamento e o seu futuro. Por tanto, -argumentou-, o Goberno de Sánchez debe facer esa licitación canto antes, a través de partidas do propio Ministerio de Fomento ou a través dos fondos europeos de recuperación, Next Generation”.

E neste contexto, o BNG está disposto a facer “unha ofensiva institucional en todos as frontes e dar a batalla política até as últimas consecuencias”, para evitar que PP e PSOE discriminen á cidade da Coruña. Con dous obxectivos: o Estado debe asumir a débeda do Porto e ceder os terreos á cidade cando sexan desafectados e, segundo,  que o BOE recolla a licitación do acceso ferroviario a Punta Langosteira de inmediato, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG