Ana Pontón ve a Feixóo como “un polo sen cabeza” limitado a facer seguidismo do nocivo centralismo do PP

“Urkullo conseguiu en 24H o que vostede non conseguiu coa AP9 en once anos gobernando os seus en Madrid, vaia peso político!”, ironizou

Os programas da extrema dereita, CDs e PP “son como tres pingas de auga”: Recentralización e converter o galego en lingua de 2ª, denuncia

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a última sesión de control antes das eleccións xerais para denunciar as consecuencias da estratexia centralizadora do PP, da que Feixóo é fiel seguidor, e do escaso peso político dun presidente da Xunta “teledirixido” desde Madrid

“Dúas cuestións nefastas: o centralismo, ese monstro que leva alimentando dez anos desde a Xunta e principal proposta electoral do PP nesa carreira desaforada das dereitas por ver quen é máis españolista”, denunciou Pontón, ao que se suma “o escaso peso político dun presidente ao quen non lle importa facer o ridículo con vaivéns que lle levan a defender unha cousa pola mañá e a contraria pola tarde, en función do que ordene Pablo Casado”.

Despois de auto-emendarse en cuestións como o autogoberno, o superávit ou a AP-9, -“hai cataventos que dan menos voltas”, ironizou,- o programa do PP propón “máis centralismo e ningunha nova competencia a Galiza”. Neste contexto, Pontón interpelou a Feixóo:  “Tómese en serio o que significa representar aos galegos e as galegas porque parece un polo sen cabeza teledirixido desde a rúa Génova por Pablo Casado, e Galiza merece máis”, reclamou.

E máis, a líder do Bloque demandou do xefe do Executivo que aclarase a súa posición en relación ao programa electoral do PP. “Defende o voto para o programa de Casado que nos fala desa España dos balcóns ou máis autogoberno para solucionar os problemas do país? Porque non se cumpre nin o Estatuto”, denunciou, ante un Feixóo que replicaba criticando os pactos do BNG.

“Xa vexo como traballa por Galiza, avalando os pactos coa extrema dereita antigalega, machista e racista porque o programa da extrema dereita, CDs e PP son como tres pingas de auga: recentralización e converter o galego en lingua de segunda, o di o seu programa con claridade”. A dirixente nacionalista atribuíu os reproches do presidente do PPdG ao nerviosismo polo batacazo que o CIS prognostica aos populares.

“Moi desesperado debe estar para falarnos dos pactos de Bildu, pero se quen máis falou do tema foi o señor Maroto defendendo os seus pactos con esta forza e animando “a que cunda el ejemplo”, replicou Pontón citando titulares de prensa.

Xunto co centralismo, o escaso peso político demostrado polo xefe do Executivo lastran o desenvolvemento de Galiza. “Se fose vostede dimitiría porque o señor (Íñigo) Urkullo en 24 horas conseguiu a AP68 e en once anos gobernando os seus en Madrid foi incapaz de conseguir a AP9, vaia peso político”, irnoizou. A dirixente nacionalista tamén pediu do presidente da Xunta que faga ben as contas do que debe o Estado.

“Non son os 850 millóns de euros que se lle acordaron agora, senón cando menos os 2.000 millóns de euros que o Goberno de Raxoi deixou de investir só na última lexislatura, presupostados e non executados. E se quere falar de atrancos o PP tería que recoñecer que se equivocou cando negociou co PSOE a reforma do artigo 135 da Constitución aprobando unha lei que lle impide decidir que fai co superávit”, explicou.

Unha proba máis das consecuencias da recentralización: “Ve como é un problema para Galiza o centralismo que practica o seu partido que lle acaba dando nas narices, e o grave é que está impedindo desenvolver este país”, argumentou. Pontón concluíu pedíndolle a Feixóo que exerza como presidente da nación que é Galiza fronte a un programa electoral do PP que nin acepta a plurinacionalidade do Estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG